«O acordeón é un instrumento custoso e marabilloso porque fai o acompañamento e a melodía»

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

CELANOVA

Asociación Amigos do Acordeón Terras de Celanova
Asociación Amigos do Acordeón Terras de Celanova Miguel Villar

A Asociación Amigos do Acordeón Terras de Celanova fundouse no 2016

08 dic 2023 . Actualizado ás 18:26 h.

«A Asociación Amigos do Acordeón Terras de Celanova xurdiu no 2016 por un grupo de persoas que compartían paixón nunha escola de música», explica Benito Villar. El é o director da agrupación. «Os membros son todos xubilados que quixeron aprender solfexo e este instrumento», engade.

O que fixeron foi montar unha escola propia que contou co apoio do Concello de Celanova. Actualmente o grupo fórmano 18 persoas. «Temos clases semanais, ás que se pode apuntar calquera, e logo tamén ensaiamos como agrupación outro día da semana», explica Benito. Os concertos destes acordeonistas adoitan ser en residencias e locais sociais, pero tamén os contratan para actuar en actos públicos. Amigos do Acordeón participa no vídeo que se gravou este domingo para apoiar que Celanova gañe o concurso de Ferrero Rocher e convértase no pobo que máis brille este Nadal.

«O acordeón é un instrumento custoso, que só logo de dous ou tres anos comeza a dar froito. É marabilloso porque fai o acompañamento e a melodía, pero é difícil de tocar», afirma Benito. «A xente xubilada sempre tira por facer algunha actividade nova e o acordeón é algo que lles encanta, de aí que nos parecese boa idea constituír esta asociación», continúa. Experiencia non lle falta. Benito é natural da Ulfe, unha pequena aldea de Cartelle. Empezou no sector musical con só oito anos, cando entrou na Banda de Alongos. Un ano despois foise á de Vilanova dos Infantes, que acabou dirixindo durante máis dunha década. Formouse no Conservatorio de Ourense. Foi director dos Cantores da Arnoia e agora está á fronte a Banda Municipal de Cartelle, da Coral da Bola e dos Amigos do Acordeón.