Unha viaxe pegada ao rural no reino ancestral das avutardas de Sande

Fina Ulloa
Fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

CARTELLE

Santi M. Amil

O programa oficial arrinca mañá coa visita ás adegas e a caza do oso e finaliza o martes con escenificacións que parodian o sucedido no ano

10 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Na parroquia de Sande, no municipio de Cartelle , celébrase un dos entroidos máis enraizados na tradición rural. Máis aló das súas máscaras máis coñecidas, as bonitas, e mesmo da singularidade dos personaxes do oso e a vaca, consérvase o costume de esconder a identidade baixo outro disfrace. Non é nada uniformado, senón absolutamente orixinal, feito de roupa e trapos vellos, para visitar as casas dos outros veciños no medio de chanzas e bromas intentando non ser descubertos. A cara vai tapada e mesmo deforman o corpo enchendo a vestimenta con palla. Estes bromistas de incógnito reciben aquí o nome de avutardas e van facendo ruído polas rúas nun folión no que non hai bombos, senón latas vellas, tixolas ou cacerolas. Os veciños invítanlles a tomar licores co obxectivo de intentar descubrir a súa identidade mentres beben, ou chancean con eles para facerlles falar e entre uns e outros se establece un xogo de picardía e habilidade do que estes personaxes intentan saír airosos. Ao fío do mediodía, ese mesmo ritual repítese nas adegas de Mogos, unha carballeira na que se sitúan estas construcións tradicionais, feitas en pedra. Alí, probando o froito da última colleita, entre danzas e risos, pasan a mañá ata que chega a hora da primeira das dúas comidas populares que se organizan nesta festa. A deste sábado é a base de churrasco e, despois de recuperar forzas, toca perseguir e dar caza ao oso. Este personaxe chega salvaxe e indómito tras espertar do letargo invernal, pero acabará encadeado.

O domingo é a xornada na que ven as bonitas de Sande por primeira vez neste ciclo festivo. A tradición marca que agarden aos veciños á saída de misa e logo visiten as catro aldeas que conforman a parroquia: Parbón, Prado, Oleiros e Sande. O luns volve ser a quenda das avutardas, que saen a partir das 21.00 horas e percorren coa súa folión toda a parroquia. O martes é o día grande e ábrese cun desfile polas rúas de Sande e Parbón no que se xuntan todos os personaxes tradicionais deste singular entroido: as bonitas, as avutardas, o oso —agora xa domado e encadeado— e a vaca. A festa nesta última xornada continua pola tarde na praza do Cruceiro onde os veciños representan o que chaman «números». Trátase de escenificacións cargadas de retranca nas que se parodia a actualidade do ano ou algún episodio local.