
Dúas mulleres e un home lograron escapar tras subtraer diversos produtos
04 oct 2025 . Actualizado á 19:53 h.Os axentes da Policía Local de Barbadás están en alerta ante un incremento de intentos de roubo nun supermercado da Valenzá. Segundo informaron fontes do corpo policial, este venres producíronse tres intentos de roubo no establecemento e os autores de dous deles lograron escapar.
No primeiro caso foron dúas mulleres as que marcharon correndo despois de subtraer varios artigos no supermercado. A súa identificación será complicada xa que as traballadoras do comercio non foron capaces de achegar unha descrición das presuntas ladroas, máis aló de que levaban bolsos.
Pouco despois, sobre as oito da tarde, un home duns 40 anos e con aparencia de drogodependente, segundo apuntan desde a Policía Local, logrou tamén escapar á carreira. Os axentes están a visualizar as imaxes das cámaras de seguridade para tratar de recoñecelo e identificalo xa que sospeitan que podería tratarse dun delincuente reincidente.
Finalmente, ao redor das 21.30 horas a Policía Local de Barbadás recibiu outro aviso do mesmo supermercado por unha parella que estaba intentado roubar comida. «Grazas á colaboración dos traballadores e a rápida resposta da patrulla conseguiuse que deixasen o subtraído e que fosen identificados e instrúanse dilixencias», explican desde a comisaría da localidade ourensá.