Ourense pechou o abril con menos días de choiva das últimas décadas

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

A Veiga

santi m. amil

O mes acabou cunha xornada de precipitacións que dará paso a un novo anticiclón

01 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Aínda que quixo empezar e acabar chovendo, o mes de abril foi en Ourense uno dos máis secos das últimas décadas. Os ourensáns unicamente viron a choiva, e pouco, durante cinco días, un deles onte mesmo. En total caeron algo máis de 3,4 litros por metro cadrado, unha cifra ínfima se se compara cos 126 de abril do pasado ano e mesmo coa do 2015 que, aínda que foi seco, chegou aos 58,1 litros por metro cadrado. Empezou o mes chovendo, pero un anticiclón instalouse sobre a provincia durante tres semanas deixando un panorama case estival, non só pola falta de precipitacións senón polas temperaturas que rozaron os 30 graos en Leiro e na capital, aínda que deixaron nos últimos días xeadas importantes por toda a provincia. O resto de xornadas de choiva foron os días 10, 19, 25 e 30 de abril. Este último deixouse notar en toda a provincia. Nalgunhas localidades altas, como no caso da Veiga, mesmo houbo nevadas.

A falta de precipitacións e as altas temperaturas adiantaron a floración de moitas árbores e o pole estivo presente case durante todo o mes no ambiente. Unha circunstancia que onte se viu minguada grazas ás choivas, nalgúns momentos intensas. Desde que comezou o ano, as precipitacións repartíronse en momentos moi concretos. Do 24 de xaneiro ao 12 de febreiro recolléronse 198,3 litros por metros cadrado. A partir desa data, a cantidade de choiva foi moito menor. Esta falta de auga déixase notar nos ríos e encoros ourensáns, tanto que prosegue a prealerta por seca que activou a Confederación Hidrográfica do Miño Sil no inverno. Actualmente, os encoros atópanse máis baixos do habitual, aínda que a peor parte lévanlla os ríos. Nalgúns casos, como o do Limia, o seu baixo caudal é evidente. Cabe destacar que en localidades como Viana do Bolo e Verín, ata onte non caera nin unha soa gota de choiva en todo o mes.

Desde Meteogalicia informan de que onte foi un día de transición en canto á meteoroloxía e que de novo a provincia de Ourense volverá estar baixo os efectos doutro anticiclón que fará subir as temperaturas. O mércores e o xoves, por exemplo, poderiamos achegarnos de novo aos 30 graos. Cifra moi alta se se ten en conta que hai poucos días os termómetros baixaron dos cero graos nalgunhas localidades. Aínda que no resto de Galicia tamén preocupa a falta de precipitacións, en abril choveu máis nas provincias costeiras.

«Ter tan poucas xornadas de auga é inusual, aínda que este mes é cambiante»

Non existe unha razón científica que poida explicar a meteoroloxía do pasado abril en Ourense. A única que se baralla é que é un mes moi cambiante. Con todo, os meteorólogos aseguran que foron 30 días pouco frecuentes. «Ter tan poucas xornadas de auga é inusual, aínda que este mes é cambiante», afirma o meteorólogo Juan Taboada. E puntualiza que isto non significará que o verán veña con máis precipitacións. «A finais de marzo choveu moito e o primeiro día de abril foi de transición, pero logo chegou un anticiclón que pensabamos que desaparecería en Semana Santa e non foi así. É difícil que un anticiclón na primavera dure tantos días», explica. Non só foi un mes diferente no que á choiva se refire, tamén sorprenderon as temperaturas, que nalgúns días chegaron aos 30 graos. E que ao final mesmo baixaron 20 graos, chegando a xear en moitos puntos da provincia. «Unha primavera como a deste ano é difícil de atopar en pasadas décadas. Nos datos históricos si que houbo abrís secos e con altas temperaturas, pero non durou durante tanto tempo», afirma. Sobre o futuro, subliña que a precipitacións vividas onte son transitorias e que de cara á semana que entra volverá entrar un anticiclón que deixará sol, aínda que non tan altas temperaturas.