Aos 17 anos publica a súa primeira novela, inspirada polo bosque que vía na viaxe a casa dos seus avós en Bande

María Cobas Vázquez
María Cobas OURENSE

OURENSE

La escritora Sabela Veloso.
A escritora Sabela Veloso. Santi M. Amil

Sabela Álvarez Veloso asina «O bosque vermello»

23 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Sabela Álvarez Veloso (Xinzo de Limia, 2007) lémbrase sempre escribindo. Xa no colexio gustáballe dar renda solta á imaxinación e creaba relatos curtos. Tiña un soño: publicar un libro. «Era algo que quería que pasara, un obxectivo de vida desde que era pequena, pero non fixera nada para conseguilo», relata. Todo cambiou aos poucos nas moitas viaxes entre a capital da Limia e Bande, a localidade natal do seu pai. No traxecto hai un bosque que espertou a imaxinación de Sabela. Comezou a idear como sería unha acampada entre as árbores, que pasaría se un dos participantes desaparecese e que ocorrería se atopasen algo... Así foi xurdindo unha trama que Sabela quixo situar nun bosque, pero uno afastado. Buscando localizacións por Google Maps chegou á costa italiana. Gustoulle moito a vila de Térmoli, así que nos arredores situou a súa aldea ficticia. «Cheguei alí con Internet e imaxinación», resume.

Coas ideas bastante claras, en decembro do 2021 comezou a escribir unha novela de misterio que rematou un ano máis tarde. Como recompensa ao traballo realizado, a súa nai imprimiullo en formato libro. E ao tocalo coas mans, Sabela tívoo claro: «Sentín que tiña que editalo». Púxose a buscar o xeito de facelo. Foi un longo traballo, di, porque é preciso estar pendente de todos os detalles. «Tes que supervisar cada paso que se dá, desde a maquetación á elección da imaxe da portada», conta. «Non é rápido nin fácil», recoñece, para despois mostrarse orgullosa do resultado: «Merece a pena». E iso que lle saíu do peto, xa que ao ser autoeditado os custos corren a cargo do autor. «Tirei dos meus aforros», explica, e acto seguido resalta que foi un esforzo que non lle importou afrontar, «porque era algo que soñaba desde pequena». O resultado é El Bosque Rojo , unha obra que onte presentou nun escenario pouco habitual: o hospital.

A súa nai traballa no CHUO e faloulle da posibilidade de doar algúns exemplares á biblioteca de Pediatría. A Sabela pareceulle moi boa idea e aínda lle gustou máis cando desde o centro lle deron a oportunidade de falar directamente cos potenciais lectores. «Conteilles a experiencia de escribir e publicar», relata. E falaron do libro, que podería ter segunda parte. Polo menos esa é a idea de Sabela, aínda que recoñece que lle está custando. «Os estudos de Bacharelato quítanme moitas horas», relata a nova, que ten a mente posta en estudar o dobre grao de Dereito e Criminología. E en seguir escribindo.