Manzaneda sae á rúa para reclamar un médico a xornada completa

La Voz OURENSE

OURENSE

Vecinos de Manzaneda, durante la manifestación
Veciños de Manzaneda, durante a manifestación Cedida

Un centenar de veciños manifestáronse fronte ao centro de saúde do municipio ourensán

23 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Máis dun centenar de persoas manifestáronse este venres pola mañá ás portas do centro de saúde de Manzaneda  para reclamar un médico a xornada completa. «Dende fai meses temos un servicio sanitario deficiente xa que só contamos cun facultativo que pasa consulta tres horas polas mañás de luns a venres», explica o socialista Amable Fernández, alcalde do municipio ourensán. Os veciños concentráronse para pedir un médico propio, que estea dispoñible todo o día. «No pobo somos preto de 870 empadroados e máis dunha cuarta parte son persoas que teñen máis de 75 anos, polo que as súas necesidades increméntanse no que respecta a este servizo», engade o rexedor. 

Manzaneda comparte médico con San Xoán de Río e Trives. O Concello urxe á Consellería de Sanidade que poñan unha solución. «O que pedimos é sinxelo, un sanitario a xornada completa coma tivemos sempre. Nós vivimos nun municipio que está a unha hora dun hospital comarcal, tanto se imos ao de Valdeorras coma se imos ao de Ourense. Se teñen que acortar o horario dun médico no rural, que sexa nun concello que estea pegado ás localidades onde hai este servizo», remata Fernández.