Un acordo coa Xunta permitirá eliminar a lista de espera no servizo
04 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.A Xunta de Galicia e o Concello do Pereiro de Aguiar asinaron un convenio que permitirá ao municipio ourensán ampliar o seu programa «Xantar na casa», que facilita comida a domicilio a persoas maiores que viven soas ou que teñen necesidades especiais. Das 25 prazas coas que arrincou a iniciativa pásase agora a 45.
«Aínda que as obras son moi importantes, e están por todo o noso Concello, sempre dicimos que, sen dúbida, o máis importante son as persoas», di o alcalde do Pereiro, Luis Menor, que lembra que o programa se puxo en marcha no ano 2020 co gallo da pandemia. Grazas ao convenio coa Xunta que amplía as súas prazas «atendemos todas as peticións, rematamos coa lista de espera e temos volume suficiente para atender todas as demandas», di o rexedor.
Menor destaca, por outra banda, a «incesante» actividade do centro de maiores dos Gozos. Tras a súa apertura hai dous anos «non para de medrar en canto á súa actividade», di o alcalde, que cifra nun centenar o número de usuarios deste servizo.