«Sorpasso» do BNG ao PSOE na maioría dos concellos, mesmo nos que os socialistas ostentan a alcaldía

a Voz OURENSE

OURENSE

Nacho Gómez, candidato número 2 del PSOE por Ourense, votando en Ribadavia.
Nacho Gómez, candidato número 2 do PSOE por Ourense, votando en Ribadavia. CEDIDA

Os nacionalistas de Allariz, Verea e Vilar de Santos e os socialistas de Entrimo e Calvos de Randín aguantaron a arremetida do PP nas eleccións autonómicas

20 feb 2024 . Actualizado ás 11:59 h.

Aínda que non teñen repercusións locais, as eleccións autonómicas puxeron de manifesto as fortalezas e debilidades dos partidos políticos na provincia. Só o BNG de Allariz , Verea e Vilar de Santos e o PSOE de Entrimo e Calvos de Randín aguantaron a arremetida do PP.

 O Barco de Valdeorras

O PSOE non rendibiliza a maioría de Alfredo García nin o candidato. O PSOE do Barco arrasa nas municipais pero nunca é a forza elixida pola maioría no resto de comicios. Estaba acostumado quedar por detrás do PP. Esta vez o resultado foi peor, porque caeron a terceira forza por detrás do BNG (que dobrou apoios respecto ao 2020). Non só non rendibilizaron a alcaldía que ostenta Alfredo García desde 1999, senón que tampouco tivo tirón o candidato. Eladio Santos (edil de Turismo ata o pasado mes de maio) ía de cuarto na lista socialista por Ourense e mantivo unha apertada axenda durante toda a campaña, pero iso non se traduciu en votos. Perderon máis de sete puntos, caendo das 1.435 papeletas do 2020 ás 1.136 que obtiveron o pasado domingo. E non foi un caso único. O PSOE foi terceira forza en toda a comarca salvo en Vilamartín e Rubiá, onde quedou por diante do BNG.

 Verín

O BNG á alza. Os veciños de Verín , onde gobernan en coalición o PSOE e o BNG, votaron na súa maioría ao PP. Os populares obtiveron 3.427 votos fronte aos 2.031 dos nacionalistas e os 881 dos socialistas. Aínda que é habitual que o PP gañe nestes comicios, é unha novidade que o PSOE ceda tantos votos. O partido liderado por Gerardo Seoane perdeu 520, mentres que o seu socio, Diego Lourenzo (BNG), sumou 107. DO rabuñou 129.

 

 O Carballiño

O PSOE segue á baixa. Na vila do Arenteiro, o PP obtivo 4.168 votos, fronte aos 3.853 do 2020. O PSOE, que goberna a vila en minoría, tras perder a maioría absoluta nas eleccións municipais, segue á baixa. Recibiu o 9,77 % dos apoios, sete puntos menos que nos pasados comicios autonómicos que cede ao BNG, e converteu aos nacionalistas no segundo partido máis votado.

 Barbadás

Os socialistas, de cuartos. O PSOE de Barbadás , que goberna en minoría, recibiu un duro revés. No 2020 tivo o apoio do 20,16% dos votantes e este domingo a porcentaxe pasou a ser do 11 %. Por diante non só queda o PP, co 43,34 % das papeletas, ou o BNG co 28,34 %, senón que DO obtivo máis votos, relegando ao PSOE ao cuarto posto en apoio veciñal. Vox conseguiu 97 votos.

 Xinzo de Limia

Gran apoio ao PP. Se en lugar de ser eleccións autonómicas fosen locais, o Partido Popular tería maioría absoluta, xa que recibiu o 53,59% dos votos. Hoxe goberna en coalición con AXIL. O PSOE tamén caeu nesta localidade, pasando dos 725 do 2020 aos 525 deste 2024. O BNG sobe cinco puntos, tras recibir o apoio do 29,9 % dos veciños. 101 veciños votaron a Vox.

 O Pereiro de Aguiar

Os populares manteñen o seu liderado. O Partido Popular segue sendo a forza política máis apoiada no Pereiro de Aguiar, onde goberna, xa que nestas eleccións obtivo o 54,52 % dos votos. Seguiulle o BNG, con 908, que mantén a súa segunda posición, aumentado en cinco punto os resultados do 2020. O PSOE baixou en 197 papeletas con respecto ao 2020 e cedeu o terceiro posto a DO, que acadou 453 apoios.

 Viana do Bolo

Subida de votos, pero perda de porcentaxe do BNG. No 2020 os nacionalistas conseguiron 365 votos e foron segunda forza. O pasado domingo subiron a 390 peros en cambio baixaron case 0,7 puntos en porcentaxe de votos revalidando a súa segunda posición, aínda que co PP á alza ao subir máis de 5 puntos. Foi un dos datos máis discretos en avance de votos a pesar de que o edil Secundino Fernández (que foi alcalde) ía de cuarto na lista.

 Ribadavia

Nacho Gómez, no aire. O número dous da lista socialista pola provincia ao Parlamento, Nacho Gómez, recibiu na súa vila 499 votos, 162 menos que no 2020, convertendo ao BNG en segunda forza, ao conseguir os nacionalistas 997 papeletas. O Partido Popular gañou co 46% dos apoios, obtendo 1.442 votos.