Un gol en pleno mundial

OURENSE

19 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Non foi no espectacular estadio Luzhniki de Moscova, nin sequera nesa virguería da arquitectura, o Fisht de Sochi. Baixo o sol dun 17 de xuño, foi o coliseo rojillo do Couto o que volveu superar a cota dos dous mil espectadores, con televisión en directo e en pleno Mundial, para gozar do duelo decisivo de Cópaa Deputación, entre a UD Ourense e o CD Velle.

Non nos enganemos, esforzo e empeño innegociables, pero un mostrario balompédico que cada ano se repite, porque a estas alturas da película, a gasolina que move a cada equipo -amateurs eles- é justita e non está o forno para floreos co balón nos pés. Aínda así, os máis pacientes teñen premio e sempre levan á boca algún detalle técnico como foi esta vez a parede de tiraliñas entre Rubén Durán e Luis González, con definición deste último ao estilo do que pulsa un botón na PS4 e coloca o esférico onde lle dá a gana.

Volvemos ao escenario e, salvando as distancias, dá gusto. Medio Velle e o fiel séquito que acompaña aos ourensanistas merecíanse un gol para cada bando. Ou máis. E iso que algún deses seareiros vocacionais viña de ver a México mollarlle a orella a Alemaña e axustábase os auriculares para coñecer os detalles do patinazo do Brasil contra a neutral Suíza.

O ano que vén, os uns en Terceira e os outros en Preferente. Que rule. O noso fútbol vai a máis. Outra vez con catro apostas na categoría nacional. Hai madeira, porque hai afección. E agora, que xa se foron de vacacións, veremos de que vai o mundial.