O pleno pospón a decisión sobre a partida para manter os servizos sociais

La Voz

OURENSE

Democracia Ourensá conseguiu que o punto se retirase do órden do día co apoio de Ourense en Común

27 jul 2017 . Actualizado ás 14:08 h.

O pleno extraordinario convocado para debater varias modificacións de crédito que facilitarían o pagamento de facturas pendentes e recuperar remanente de tesourería para cubrir o funcionamento de servizos sociais ata final de ano, rematou sen acordos que permitisen de forma efectiva ningún dos dous obxectivos. A oposición, aínda que con matices, mantívose firme no guión de criticar a xestión do goberno do PP e pedir ao alcalde que asuma a responsabilidade e dimita.E o rexedor e a concelleira de Facenda tamén mantiveron a súa argumentación de que non existe tal responsabilidade política, achacando a situación a problemas técnicos e botando man de precedentes similares cando gobernaba o PSOE. Con eses parámetros, a maioría opositora tombou dúas dos puntos; os que facían referencia a pagamentos de facturas pendentes a provedores por 498.518 euros e outro medio millón relacionado cos convenios para os accesos ao CHUO e a construción do centro intergeneracional. O outro punto, o relativo aos 1,6 millóns de euros para cubrir os servizos sociais (que foi sobre o que pivotó practicamente toda a sesión) foi retirado finalmente da orde do día. A proposta fíxoa Gonzalo Pérez Jácome in extremis e xa co tempo de debate esgotado, cando parecía evidente que, cos argumentarios dados polos portavoces e se chegábase á votación, sería tamén rexeitada. O envite de Democracia Ourensá foi apoiado por Ourense en Común e a suma deses once votos puideron cos dez en contra do PP. O PSOE, que foi o que máis claro deixou desde o primeiro momento que votaría non á modificación de crédito para habilitar ese diñeiro, optou por absterse na votación da retirada da orde do día. O PP xa anunciou que volverá incluír tanto ese asunto como o resto dos puntos debatidos e rexeitados nesta sesión extraordinaria no pleno ordinario de agosto que se celebrará o día 4.