Ramón Seijas, presidente de Acauto: «Os concesionarios matriculan para cumprir obxectivos»

m. v. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

13 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A venda de coches non está a evolucionar en Galicia, nin tampouco en Ourense, ao ritmo que se agardaba. Sábeo ben Ramón Seijas Pérez, presidente da asociación provincial de concesionarios, que analiza os resultados do primeiro semestre do ano na provincia.

-Por que se está producindo ese repunte tan forte das vendas na canle de empresas?

-Iso ten unha razón moi clara e é a presión que están exercendo os fabricantes e os concesionarios. O mercado de automóbiles está a crecer a unha velocidade máis lenta da agardada, así que as empresas matriculan vehículos para poder chegar aos obxectivos que se marcaron. Eses coches logo comercialízanse como quilómetro cero ou vehículo de demostración a particulares. Estamos a ver que o que ocorre é que o 30 % das matriculacións de xuño fixéronse durante os últimos tres días, e esa é a razón de que iso suceda. Creemos que se deben adecuar as expectativas á realidade, porque non é normal que caia tanto a venda a particulares e suba a de empresas a este ritmo.

-A que se atribúe que siga sen remontar a venda a particulares?

-A non existencia dun plan PIVE está a contribuír, aínda que agora se anunciou a posta en marcha do plan Movea, que incentivará a compra de automóbiles con enerxías alternativas. Creemos que iso alimentará as vendas nese sector.

-Pero os concesionarios están a apostar polos descontos para atraer aos clientes, non é suficiente?

-É certo, agora mesmo hai moitas facilidades para adquirir un automóbiles novos, pero os plans públicos retiran coches con máis de dez anos de antigüidade e permiten a renovación, ademais de contribuír a mellorar a seguridade viaria e a reducir a contaminación.

-Está obsoleto o parque móbil en Ourense?

-Si, estao, como tamén o está o de Galicia, que é máis antigo que o de España, e este á súa vez máis que o de Europa. Cando se matricula un coche novo está a renovarse o parque móbil e isto é algo moi importante a todos os niveis.