O alcalde da Gudiña falece dun infarto nunha reunión no hospital de Verín

OURENSE

LOLITA VÁZQUEZ

Guillermo Lago asistía a un encontro da xerente sanitaria en Ourense cos alcaldes da zona

21 ene 2016 . Actualizado ás 17:03 h.

O alcalde da Gudiña (PP), Guillermo Lago, faleceu dun infarto fulminante durante unha reunión no hospital de Verín en presenza de Eloína Núñez, xerente da Área de Xestión Integrada de Ourense e de todos os rexedores da mancomunidade de municipios.

O accidente cardiovascular produciuse ao final da reunión, cara ás dúas da tarde. Durante o encontro, Eloína Núñez presentaba á nova directora do complexo hospitalario, Guillermina Agulla. A inmediata intervención dos equipos de reanimación non serviu para salvar a vida do rexedor.

Lago, de 71 anos, era rexedor con maioría absoluta desde 1992. Un histórico do PP na comarca. O seu falecemento repentino conmocionou aos veciños da Gudiña así como aos seus compañeiros de partido.