Gabarra: fútbol e aventura marítima

Francisco Peleteiro Galego Ao DÍA

OPINIÓN

María Pedreda

18 abr 2024 . Actualizado ás 10:51 h.

Nas últimas semanas poida que o remato marítimo que máis puidemos oír e ler sexa o de gabarra , certo que unido a unha celebración futbolística máis que a unha actividade marítima. Entre os artigos publicados destaca o de Raúl Villa Caro na paginas de La Voz de Galicia. Desde a propia denominación do artefacto flotante xorde a discusión: debemos falar de gabarra ou de pontona? Na miña opinión, de gabarra.

Para a organización da parte marítima de tan festiva celebración foron moitos os servizos e contratos que tiveron que levar a cabo, que loxicamente pasan desapercibidos non só para o gran público, senón mesmo para a maioría dos protagonistas de tan magna celebración. Para a utilización da gabarra —que, lembremos, non é autopropulsada— é necesaria que esta se atope inspeccionada por Capitanía Marítima e dispoña de todos os seus certificados en regra, ademais das súas oportunas probas de mar. Para a súa navegación, a gabarra debeu contar con remolcadores, amarradores e práctico. Ao non dispor de propulsión propia, a gabarra debe ser remolcada e o lóxico é que sexa considerado un habitual remolque manobra portuario, como o regulado no artigo 303 da nosa Lei de Navegación Marítima. Pero o certo é que non se tratou dun remolque ao uso, senón dun remolque dunha gabarra con pasaxeiros e mariñeiría a bordo, que por unha maior seguridade podemos encadrar dentro da regulación do remolque transporte do artigo 302 da mesma lei, e, polo tanto, suporá a necesidade de ter redactado un contrato de remolque (xeralmente, modelos denominados tow-con ou tow-hire). A ese contrato de remolque súmase un contrato de amarre, para non só o amarre e desamarre da gabarra, senón para o seu guía como temón durante o remolque. A bordo debe garantirse a presenza de práctico en todo momento. Previamente debéronse celebrar contratos de seguros tanto de casco e máquina como de viaxeiros, e de protección e indemnización da propia gabarra. Soamente cando todos eses contratos e documentos estivesen perfeccionados podería levar adiante a que podemos denominar case aventura marítima», máis aló de extraordinaria celebración futbolística.

En definitiva, unha celebración que podería servir como un tratado de negociación, xestión e contratación marítima; unha celebración que ben poderiamos emular pronto en cidades galegas e cos nosos equipos de fútbol, xa que mar non nos falta, gabarras tampouco e seguro que os títulos e celebracións futbolísticas terán lugar pronto.