A fama

Cristina Pato
Cristina Pato A Arte DÁ INQUEDANZA

OPINIÓN

MARTHA ASENCIO-RHINE / ZUMA PRES | EUROPAPRESS

29 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Supoño que é porque a noveliña que estou a escribir me está a levar por ese camiño, pero levo uns meses vendo documentais e lendo artigos sobre artistas que nalgún momento da súa vida deciden afastarse da súa propia carreira, ás veces para intentar retirarse da vida pública, outras veces para apartarse da profesión.

Esta semana, nun intento de achegarme ao mundo da miña sobriña Quela, sentei con ela a ver un dos documentais sobre a súa heroína do momento, Taylor Swift. E mentres escoitaba á artista reflexionar sobre o que supón para ela estar sempre no centro de todas as conversas e polémicas, pensei no feito de que hai profesións nas que o único xeito de chegar a sostibilidade é a través da vida pública, e esa vida pública, a pesar de que sempre foi incriblemente complexa, semella máis difícil nos tempos nos que vivimos hoxe en día, na era dixital. E coma sempre, comecei a preguntarme que supón ter unha paixón por algo e descubrir polo camiño que para sobrevivir nesa profesión unha ten que pasar por ese gran escaparate das redes sociais e os medios de comunicación; que para ter un nome propio unha ten que estar en boca de todos, coas súas consecuencias.

Segundo a RAG, a fama é o «feito de ser unha persoa ou cousa moi coñecidas e haber delas unha determinada opinión xeral», pero nesa opinión xeral na que cabemos todos tamén cabe o peor de nós: os prexuízos, a ira, os insultos... A fama é ben complexa, e hoxe, nas redes sociais, semella unha obsesión. E aínda que a fama é unha parte importante da supervivencia en determinados oficios, tamén é unha das razóns polas que algúns artistas deciden afastarse da súa profesión... co que iso significa.