Trump, ao ataque

Carlos G. Reigosa
Carlos G. Reigosa QUERIDO MUNDO

OPINIÓN

MARK HUMPHREY | EFE

24 feb 2024 . Actualizado ás 10:31 h.

Donald Trump, o primeiro expresidente dos Estados Unidos procesado por cargos penais federais, non mostrou o menor sinal de rectificación ou de desánimo. Moi pola contra, lanzouse ao ataque e xa advertiu que, se sae elixido, nomeará «un fiscal para perseguir a Joe Biden», ao que cualificou de «corrupto». O cal quere dicir que estamos ante o mesmo Trump que xa foi presidente de EE.UU. e que agora se lanzou a rendibilizar o papel de vítima ata a vitoria final.

Porque xa non se pode negar que Trump está en plena campaña electoral e que esta será tan axitada e tensa como el poida provocar. A súa situación é certamente complexa, pero é neste terreo no que mellor se desenvolveu toda a súa vida, e o seu perfil de suxeito indomeñable achégalle talvez os apoios máis firmes. Parece haber algo na súa soberbia que casa ben co potencial de EE.UU. e talvez por iso o seu propio victimismo funciónalle ben, porque el o presenta revestido de audacia e de valor.

A Fox News, a poderosa cadea conservadora de televisión, volve ser a vangarda informativa de Trump e, moi particularmente, anti-Biden, ao que cualifica de «ditador». Todo o cal vai perfilando os niveis da confrontación. Porque Trump necesita un vento a favor que desacredite as acusacións que aínda apuntan cara a el. A elección presidencial de final deste ano é a liña do horizonte e tamén a meta. É seguro que Trump ten moitos puntos débiles, pero tamén é certo que a súa disposición política o blinda ocasionalmente e achégalle votantes incondicionais. Porque o personaxe que encarna parece ter algo dos míticos forjadores de EE.UU., aos que supera talvez en descaro e en vocación polo desafío dentro dun «todo vale».

De momento, xa alentou a Rusia a atacar aos aliados da OTAN que non gastan o 2 % do seu PIB en defensa, e entre os seus plans figura a opción de restrinxir ou deter a axuda económica e militar estadounidense a Ucraína . Todo o cal viría complicar a situación da propia UE no conflito. O seu opoñente, Joe Biden, sabe que estes son os puntos fortes —e tamén os débiles— do seu adversario.