Territorio: polbo en Lugo, almorzos en Madrid

Uxio Labarta
Uxío Labarta CODEX FLORIAE

OPINIÓN

Mariscal | EFE

22 feb 2024 . Actualizado ás 12:03 h.

Hai anos que se sabe en política que o territorio é a clave de bóveda do poder, deixando á parte a lei electoral. Non o soubo Iglesias asaltando ceos sen parroquias, e nese camiño insistiu Sumar. E ao parecer detéctao agora Pedro Sánchez en Galicia.

Non dubido que ese teña sido un problema para Yolanda Díaz, aínda que custa velo no Partido Socialista, con obvia e exitosa vocación municipal que non se corresponde cos seus resultados ao Parlamento de Galicia. Uns resultados que talvez se entendan mellor desde aquel cesamento de Touriño a noite electoral, a aparición da xuíza De Lara na vida de Besteiro e o cambio de candidatos —cinco sen repetición— autonómicos, acordes coas súas carencias de política galega. Cun poder territorial municipal sempre á expectativa, pero escasamente activo —con alcaldes de perfil baixo— ante a súa política galega, que agora Pedro Sánchez bota en falta. Por máis que a súa propia campaña haxa rebaixado as expectativas electorais das que partían os socialistas. Tanto por erros propios como polo traballo e as mensaxes galeguistas de Ana Pontón. Ao que cabe engadir unha actitude refractaria en votantes socialistas a dar a primacía no Goberno ao BNG, levándoos ben á abstención, ben a atender a chamada reiterada de Feijoo, sen Vox aquí no horizonte. Algo que asoma nos cen mil votos menos na esquerda ou trinta mil na dereita (6 % menos de participación) que nas eleccións xerais do 23.

Considerando que o problema territorial e de organización non afecta o Partido Popular galego, as súas dúbidas e inquietudes —nunca obxectivadas pola demoscopia— apenas se traduciron nunha campaña desmedida contra Ana Pontón e o BNG e as provocadas pola comida mediática no restaurante España de Lugo cunha «alta fonte popular». Desvelando nela conversacións con Junts e Puigdemont e a disposición de Feijoo a un certo indulto condicionado. Tal comida e tal noticia poden responder máis a estratexia de Feijoo que a cortocircuitar unha ameaza de Junts. É difícil entender que un sólido equipo en políticas e estratexias de comunicación como o que acompaña a Feijoo desde hai anos poida incorrer de forma ventureira nesa revelación. Unha estratexia que talvez responda a unha convicción ante o conflito catalán que se afasta do proclamado non xa por Vox senón polo propio Aznar, Ayuso e os almorzos madrileños ou o xuíz do Tsunami terrorista. Estratexia apuntada por Feijoo ndos seus actos en Cataluña, as súas relacións con Urkullu e o PNV —limitadas por un Vox imprescindible— e as conversacións con Junts e Puigdemont. Un off the record pactado co que se atendía á alma popular do «Galego coma ti», sen asomo aquí de coalición con Vox, e renovábase a porta aberta por Feijoo a Junts, talvez tamén ao PNV, para a súa reconciliación. Algo que uns galegos recoñeceron sostendo o voto popular e outros desmovilizándose.