Cóntame como contarnos

Tamara Montero
Tamara Montero CATRO VERDADES

OPINIÓN

El 29 de noviembre de 2023 se emitió el último episodio de «Cuéntame cómo pasó», que permaneció 22 años en antena.
O 29 de novembro de 2023 emitiuse o último episodio de «Cóntame como pasou», que permaneceu 22 anos en antena. .

04 dic 2023 . Actualizado ás 08:57 h.

É difícil dicir que estaba a facer o 13 de setembro do 2001, a pesar de que hai un recordo perenne da televisión nun bar de Fontiñas de dous días antes, cando, despois de comer, o mundo cambiou para sempre. Si recordo, a partir dese momento, unha sucesión de xoves que me acompañaron de xeito constante a pesar de que o meu compromiso foi, como pouco, intermitente nestas décadas. Miraba como os meus pais vían a súa infancia retratada no camión do escampado e naqueles anos nos que un ten que pensar —aínda que sexa un dos moitos erros que irán (que van) empedrando o camiño— que xa é adulto, preguntábame como sería a sensación de ver a propia imaxe dunha eu do pasado reflectida na pantalla. Chegou, claro, con Curro e con Cobi, cun «Xa abonda» que berraba un xentío de mans brancas, coas Spice Girls e a morte de Diana, co «váiase, señor González», con aquel seis euros son mil pesetas, e un efecto 2000 que nunca chegou a chamar á porta. O chiste de Facebook (Vivo con medo a que Cóntame chegue...) fíxose real e quedou toda esta vida adulta? que percorremos a xeración millennial, que agora mira á pantalla e pronuncia un «Cóntame como contarnos» mentres camiña no fío da nosa cuarta crise: a económica, a sanitaria, a bélica, e agora a dos corenta.