Javier Etxezarreta | EFE

08 oct 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Coido que era Antón Reixa quen dicía que ou a lingua e a cultura galega atopa un lugar no audiovisual (no cinema, na televisión, agora nas redes) ou teremos que renunciar ao futuro. Afortunadamente, aquí estamos. É unha noticia magnífica celebrar a Cuncha de Ouro do festival de San Sebastián da man de Jaione Camborda e o seu equipo de mulleres (actrices, produtoras), que presentaron xuntas nunha roda de prensa a película O corno. Aínda non tiven oportunidade de ver o filme, mais o acontecemento merece toda a nosa atención, aplauso e agradecemento. Moito máis cando Jaione, que naceu en Donostia e se instalou entre nós no ano 2010, asume o noso idioma non como algo dado, senón como algo libremente elixido, produto do afecto e da vontade, consciente do que a lingua representa para explicar un país.

 

 

Poucos días antes a Universidade de Santiago agasallaba á nosa compañeira Margarita Ledo co premio Luis Porteiro Garea en recoñecemento ao seu traballo a prol do idioma nas aulas universitarias, na formación de novos comunicadores e xornalistas, e mais na creación cinematográfica, posuidora dunha linguaxe orixinal, premiada alén das nosas fronteiras, cunha preocupación moi consciente polo documentalismo e a memoria histórica.

Son referentes, que era o que demandaban os nosos alumnos e alumnas na facultade cando falabamos do uso do idioma na comunicación. «Necesitamos referentes», dicían. E máis que virán. Algunha auga correu dende as primeiras producións comerciais de cinema galego en 1989 (Sempre Xonxa, Urxa, Continental) ata as imaxes de Oliver Laxe (O que arde), e moito antes: os traballos de Chano Piñeiro, os primeiros intentos de Nós Cinematográfica para financiar A esmorga, as producións de Víctor Ruppén, a visita de Carlos Velo ás V Xornadas de Cine de Ourense en 1977, que promovían Luis Álvarez Pousa e José Paz… Alí foi onde por primeira vez escoitamos falar do «video». «Podedes levar as películas nunha caixa para ver na casa», advertía o cineasta de Cartelle, que volvía do exilio de México. Vistas as cousas coa perspectiva do tempo debemos recoñecer (e aplaudir) o que levamos andado. Incluída a creación da CRTVG en 1984, que nalgún momento foi unha importante referencia do novo universo que estaba a nacer (como produtora, como difusora, como mercado).

 

 

 

Tiña razón Antón Reixa. Cada momento histórico ten a súa maneira de contar o mundo e a súa tecnoloxía para facelo. Primeiro foi o alfabeto e os manuscritos, logo o libro e a prensa periódica, despois a radio, o cinema, a televisión… O audiovisual (e agora universo das redes) conforma unha nova realidade á que non podemos renunciar.

Os que queden fóra, porque non teñen recursos ou porque non teñen forzas para continuar, ficarán no esquecemento, como sucedeu con tantas linguas e tantas culturas ao longo da historia. Afortunadamente non é o noso caso.