A tradición tamén rompe

Ernesto Sánchez Pombo
Ernesto S. Pombo O REINO DA CHOIVA

OPINIÓN

Joaquin Corchero | EUROPAPRESS

24 dic 2022 . Actualizado ás 17:59 h.

Tradicionalmente, as tradicionais palabras do rei, na tradicional mensaxe do tradicional Nadal, non realizan grandes achegas. A tradición dinos que o contido se cingue a unha sucesión de brinde, saúdos e boas palabras. Desde 1975, que Juan Carlos I comezou a tradición, as liñas xerais son as mesmas. Felicitacións e desexos de ventura, chamamentos á unidade e queixumes polos que máis sofren. Ano tras ano pasaron no bico dos pés polos problemas reais do país. Porque estes mensaxe están expostos máis como saúdo do Nadal que como outra cousa.

Pero o momento que vivimos, todo o ocorrido no último ano, especialmente nas últimas semanas, fai que o desta noite teña uns elementos ben diferenciados de todos os anteriores. Porque poucas veces houbo tal acumulación de problemas e a tensión política e xudicial conduciunos a unha crise institucional de tan extraordinaria relevancia. O ano que deixamos atrás foi denso e tenso, e estivo marcado por chamadas apocalípticas que non se cumpriron pero que nos ocasionaron sufrimento; penurias familiares para sobrevivir, teorías conspirativas deslegitimadoras e crispación. Sobre todo, crispación.

Por iso, a mensaxe de hoxe ha de ser diferente. O rei está obrigado a situarse sobre a confrontación inédita dos poderes do Estado e a polarización que todo o invade. Desde diversos sectores pediuse un pronunciamiento real sobre o sucedido. Pero non se produciu porque «debe ser o ámbito político e as institucións referidas a quen lles corresponde resolver», segundo a Casa do Rey . Tampouco cando, segundo parece, pediullo Pedro Sánchez. Aínda que o artigo 56 da Constitución establece como primeira función da xefatura do Estado «arbitrar e moderar o funcionamento regular das institucións».

Dixo Núñez Feijoo que a declaración de independencia de Cataluña foi «menos grave» que a reforma do Código Penal. E se entón o rei tomou posición cun combativo discurso, non pode optar agora polo silencio.

O tradicional, que é no que se escudan os inmovilistas, sería que esta noite o rei sobrevoase sobre o que nos preocupa. Pero nin debe, nin pode facelo. Porque as tradicións están para romper. E máis en momentos como os que vivimos.