A deflación do Apple TV 4K

Javier Armesto Andrés
Javier Armesto CRÓNICAS DO GRAFENO

OPINIÓN

APPLE

09 novs 2022 . Actualizado ás 19:12 h.

Nestes tempos de subida de prezos acaba de producirse un suceso paranormal: o novo Apple TV 4K, á venda desde o venres, costa menos que a versión anterior, e non é unha rebaixa calquera: 30 euros menos o modelo básico (só Wi-Fi) e 60 euros o máis completo (Wi-Fi + Ethernet), co que quedan ambos por baixo do prezo de partida do antigo Apple TV. Ademais, duplican a súa capacidade a 64 e 128 GB, respectivamente, polo que tampouco podería acusarse á compaña da mazá de practicar a reduflación. Nin a cheapflación: equipan o procesador A15 Bionic, máis potente, para ofrecer un maior rendemento e fluidez; e agora non só son compatibles con Dolby Vision, senón tamén con HDR10+ , o que permite gozar en máis televisores do contido co detalle e as cores imaxinadas polos seus creadores.

É unha deflación en toda regra dun produto que xa é unha pedra angular do ecosistema de Apple, que dá acceso a un gran catálogo de servizos de entretemento e benestar. Entre eles está Apple Fitness+, que ofrece contidos de adestramento en 4K de ultra alta definición, con máis de 3.000 sesións de traballo e meditación. Os usuarios poden ver en pantalla as instrucións dos coach, a duración dos intervalos e a estimación das calorías queimadas, e quen se exerciten cun Apple Watch na boneca reciben métricas personalizadas en tempo real.

Apple Music permite acceder a un catálogo de máis de 100 millóns de cancións, playlists e videoclips, con letras sincronizadas coa música, audio sen perda e o son espacial envolvente Dolby Atmos. Apple TV+ reúne series, longametraxes e documentais infantís e familiares, como CODA, a gañadora do Óscar á mellor película, ou Ted Lasso, que bateu marcas en nomeamentos aos premios Emmy. Arcade, o servizo de videoxogos, é talvez o apartado máis frouxo, aínda que inclúe títulos populares como NBA 2K23 Arcade Edition, e pódese xogar vía Bluetooth cos mandos de PS4 e Xbox.

O Apple TV 4K permite controlar a tele coa voz e pedirlle que queremos ver; contemplar as nosas fotos a toda pantalla e utilizalo como centro de domótica doutros dispositivos do fogar. E todo, nunha caixiña negra que pesa 200 gramos. Pequeno, pero matón.