Irán: por que precisamente agora?

Gaspar Méndez ECONOMISTA. PROFESOR DE XEOGRAFÍA E HISTORIA NON IES LUCUS AUGUSTI DE LUGO

OPINIÓN

WANA NEWS AGENCY | REUTERS

27 oct 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

Nos últimos corenta anos os iranianos, e máis aínda as iranianas, tiveron motivos máis que de sobra para levantarse contra a República Islámica. Contra o réxime deses santóns, os aiatolás, que impoñen códigos de vestimenta e obrigan as mulleres a cubrir a cabeza co veo. Contra un réxime brutal que non respecta os dereitos dos seus cidadáns nin tampouco é democrático, pois toda decisión está sometida, en última instancia, ao Gardián da Revolución, o aiatolá Alí Jamenei, sucesor de Jomeini.

Como digo, non imos debater aquí os motivos desas xeracións de mozos, e non tan mozos, para botarse ás rúas; de mozas que queiman os seus hiyabs e deixan as súas melenas ao aire, porque están fartos de tanta opresión e represión.

A morte de Masha Amini, a moza kurda que morreu nunha comisaría de Teherán a consecuencia dos paus que lle deron por levar mal posto o hiyab, caldeou os ánimos. Para os iranianos chegou o momento de dicir basta ou, como dicía aquela mítica canción de Siniestro Total: «Ayatollah no me toques la pirola». A cuestión é que o que pasou agora puido pasar moito tempo atrás, e a nosa pregunta é: por que precisamente agora?

En xeopolítica as cousas nunca pasan por casualidade, e penso que tampouco vai ser así no caso que nos ocupa. Irán, desde a caída do Sha, é inimigo xurado dos Estados Unidos, e tamén dos seus aliados, incluídas outras teocracias islámicas como Arabia Saudita.

O ter un inimigo común ás veces fai estraños compañeiros de cama. Así, Irán apoia a Hezbolá no Líbano, axudou militarmente a Bashar el Assad en Siria, apoia os hutíes en Iemen e chegou a aliñarse con Catar no seu contencioso cos sauditas.

Durante os últimos anos, Irán está a desenvolver un programa de enriquecemento de uranio que lle permita fabricar armamento nuclear, o que suporía un grave risco para o Estado de Israel, principal socio dos estadounidenses na rexión.

O programa nuclear, sometido ao embargo do resto do mundo, seica vai lento, pero Irán parece ser punteiro na fabricación dun arma que se está demostrando decisiva nas guerras dos últimos anos: os drons. Os drons iranianos están sendo utilizados eficazmente por Rusia na guerra de Ucraína, ata o punto de romper Kiev relacións diplomáticas con Teherán. Tampouco sería descartable que esta colaboración se fixese a cambio de que os rusos compartisen tecnoloxía nuclear.

Se os americanos estaban esperando o momento para orquestrar unha «revolucións de cor» en Irán, está claro que non podían agardar máis. O feito de que a rapaza sexa, por riba, kurda, engade un factor desestabilizador adicional, ao sumar o factor kurdo á revolta.

A revolución dos veos, como así se lle chama xa, amósasenos así como unha de tantas revolucións de cor financiadas e preparadas polos tentáculos da Open Society Fundation de George Soros, e desenvolvidas segundo o manual de Gene Sharp que leva por título Da ditadura á democracia.

A revolución está en marcha, con notable éxito, como vemos nos medios, e é posible que algún día o aiatolá Jamenei colla un avión para o exilio. Pero tamén se debe ter en conta que o presidente, Ebrahim Raisi, acaba de afirmar que utilizará todas as forzas do Estado, que en Irán non son poucas, para sufocar a rebelión. E, por suposto, que gobernos como o iraniano, e hai pouco o bielorruso e kazajo, parece que aprenderon, quizais tamén do manual de Sharp, como defenderse.