O enredo da eólica: mar e vento

Uxio Labarta
Uxío Labarta CODEX FLORIAE

OPINIÓN

BAYWA | EUROPAPRESS

27 oct 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

Ao parecer, este outono non será distinto ao dos últimos dez anos. Chegará, como é costume, a lei de acompañamento dos Orzamentos de Galicia do 2023. Seguindo a tradición, remachará sutilmente a lexislación e a administración das normas que regulan, condicionan ou limitan o sector da enerxía eólica.

Todo empezou no 2009 coa anulación do concurso eólico do anterior Goberno (PSOE-BNG), que adxudicara máis de 2.000 megawatts. Máis recente é a moratoria de 18 meses para a aprobación dos parques en tramitación e o contencioso co Goberno de España respecto dos parques da súa competencia. Agora modificarase a normativa que regula o aproveitamento eólico de Galicia, e, aínda que mantén a moratoria establecida desde xaneiro do 2022 ata xuño do 2023 para aprobación das solicitudes de parques eólicos, introduce matices sucesivos que, aínda que as decisións dependen do Consello da Xunta, non cernan a priori as posibilidades dalgunhas solicitudes en tramitación. Tamén se resolveu o contencioso co Goberno de España ao recoñecer a Xunta —máis aló do plan sectorial para instalación de eólicas do Goberno Fraga— que é competencia de Transición Ecolóxica a autorización de parques que superen os 50 megawatts. Destes enredos quédanos un dato que dá conta da súa magnitude: Ao parecer, segundo a Asociación Eólica de Galicia, en catro anos do Goberno bipartito de Touriño instaláronse máis megawatts que nos catorce anos de Feijoo. E o enredo segue, incluídos os permisos de acceso e conexión á rede eléctrica, ou as zonas autorizadas para a súa instalación, aquí e en Europa.

Ao lado do vento do mar, a xestión da eólica mariña non se afasta do enredo. Dunha parte, a acumulación de proxectos previstos en Galicia indica a importancia que para as empresas eólicas teñen os mares galegos; e doutra, as colisións —reais ou virtuais— cos intereses pesqueiros existentes, aos que o Goberno galego di amparar aínda sen situarse fronte aos esbozos de proxectos, que acadan xa máis de 4.000 megawatts, distribuídos desde a costa cantábrica aos mares ártabros e as rías. Por máis que a día de hoxe a decisión corresponda ao Goberno de España, en tanto que aínda os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM), que determinasen as zonas autorizadas para a súa instalación, non foron aprobados.

Enredos que se poden complicar coas 87 vedas nos mares europeos, que segundo dirixentes empresariais abarca 11.000 quilómetros cadrados máis que as zonas que a Comisión quere protexer, e que, á espera das decisións da Autoridade Internacional dos Fondos Mariños (ISA) respecto a lexislación para a explotación mineira en augas non exclusivas, pode enredarse nun novo conflito de intereses, máis aló da protección de ecosistemas vulnerables.