Ollos sans: que teño que comer?

Eduardo Eiroa Mene EN LIÑA

OPINIÓN

COLEXIO DE ÓPTICOS DE GALICIA

06 feb 2021 . Actualizado ás 15:07 h.

Sabido é que unha alimentación sa e equilibrada, rica en nutrientes, vitaminas e minerais, é un factor fundamental para ter unha saúde de ferro e, polo tanto, unha saúde visual de calidade, axudando a previr patoloxías como cataratas, glaucoma ou dexeneración macular asociada á idade (DMAE).

A nosa alimentación debe incluír produtos que conteñan graxas poliinsaturadas omega 3, que teñen especial importancia na estrutura e función da retina, como o peixe e aceites vexetais que fortalecen a película lagrimal e reducen a sequidade ocular. En concreto, o consumo semanal de peixe azul, tipo caballa, salmón, sardiñas ou peixe espada, así como os aceites de peixe e suplementos cargados de antioxidantes poden previr o dano dos radicais libres causantes de enfermidades como a DMAE. Ademais, estes alimentos tamén nos achegan vitaminas D, que regula a absorción de calcio; K, imprescindible para a coagulación sanguínea; B1, que intervén o metabolismo dos hidratos de carbono; B2, beneficiosa para a pel e os ollos, e B12, que colabora na síntese da hemoglobina.

As vitaminas e a luteína, presentes en froitas, verduras e hortalizas, son esenciais. A luteína é especialmente necesaria para a mácula, xa que a protexe da radiación solar e é un potente antioxidante, moi recomendable para a prevención da dexeneración macular asociada á idade, que é hoxe en día a primeira causa de cegueira nos países desenvolvidos. As froitas e verduras de cores vivas, como brócoli, espinacas, tomates, cenorias, fresas, froitos do bosque ou froitos secos, ovos e aceite de oliva, posúen este nutriente beneficioso para os nosos ollos. Estes alimentos tamén nos achegan vitaminas A, sobre todo se se consumen crus e frescos; C, como un antioxidante neutral, e E, como outro antioxidante que é fundamental para protexernos do dano dos radicais libres.

Tamén as catequinas son outro compoñente cun elevado poder antioxidante que pode activar a produción de bágoa e mesmo protexer os ollos da DMAE e as cataratas. Está presente, por exemplo, no té verde, concretamente na variedade de orixe xaponesa chamada Kukicha. Igualmente atópanse na cervexa, unha bebida que, consumida sempre con moderación, pode ser beneficiosa para a saúde da nosa visión. Debemos evitar o consumo de sustancias agresivas e tóxicas, como o alcol, o tabaco ou alimentos que conteñan azucres refinados (bebidas azucaradas) e graxas saturadas (bollería industrial), que causan unha deterioración prematura de todo o organismo, incluído o sistema visual.