Emilia Pardo Bazán e Meirás

Jesús Anxo Sánchez García EN LIÑA

OPINIÓN

ARQUIVO ALFREDO PARDO

07 ene 2021 . Actualizado ás 17:14 h.

Respondendo á pregunta que días atrás me formulaba un xornalista de Voz Audiovisual para o documental que se emite hoxe en TVG, quero abordar a cuestión crave para comprender por que Meirás é un sitio literario e histórico excepcional. As Torres de Meirás pertencen a unha especial categoría entre as casas de escritores: as moradas configuradas grazas a unha implicación directa dos seus propietarios en aspectos de deseño arquitectónico e decoración, concibidas así como outra obra máis, de natureza non-literaria pero que ofrece contidos fundamentais para o achegamento ao mundo interior de cada autor.

Con planos debuxados pola propia Emilia Pardo Bazán -con axuda da súa nai dona Amalia e puntuais asesoramentos de amigos como Balsa de la Vega, Vicente Lampérez, Lázaro Galdiano ou Álvaro de Torres Taboada-, nas Torres de Meirás todo foi ideado para crear un singular autorretrato estético que proxectase cara ao público as raíces, gustos e procesos creativos da súa posuidora. Na elaborada interacción de palabras e imaxes enredadas nas pedras Emilia demostra coñecer o camiño aberto por outros «escritores-arquitectos» que a precederon: Walter Scott, Alexandre Dumas, Victor Hugo, Émile Zola ou León Tolstói, só por citar os principais, todos eles figuras de primeira magnitude na historia da literatura. As súas vivendas, hoxe conservadas como casas museo que atraen a miles de peregrinos literarios, son superadas en ambición por Meirás como fantástico castelo das letras e empeño dunha combativa muller que tivo que enfrontarse a limitacións e obstáculos inexistentes para os seus colegas masculinos ata lograr independencia económica e liberdade para construír o seu «cuarto propio».

O excepcional proxecto persoal de Emilia Pardo Bazán para Meirás resúmese nas dimensións como restauración do soar familiar, edificación dun romántico refuxio creativo, lugar para a súa sepultura e complexo quebracabezas literario destinado á posteridade, no que exhibe os títulos das súas obras preferidas, os retratos dos seus escritores de referencia ou as claves simbólicas da súa quimera artística. Un territorio sentimental, unha casa para a vida e a literatura, e por suposto unha biblioteca para gardar os seus queridos libros, que por iso ten difícil encaixe con usos como lugar de memoria centrado en problemáticas políticas como as postas sobre a mesa nos últimos días.

Non vou cuestionar que a presenza de Franco en Meirás e os seus espolios, exhaustivamente documentados por Carlos Babío e Manuel Pérez, deban ser contados. Para iso poderíanse dispor os dous espazos máis ligados ao paso do ditador, como foron a súa biblioteca e despacho. Agora ben, converter Meirás nun lugar de memoria dedicado á represión franquista erosionaría gravemente a condición de sitio para o recordo da poderosa persoa, obra e legado de Emilia Pardo Bazán. Franco encheu Meirás con pedras extraídas de vellos pazos para facer pasar as Torres como un «pazo de Meirás que Emilia nunca chamou así. Carmen Polo encargou a Álvarez de Sotomayor o seu retrato posando coa fachada de Meirás ao fondo, pero a teimuda realidade é que a única señora de Meirás foi Emilia.

Unha sociedade que aínda non estableceu o uso democrático de lugares de memoria como o chamado Val dos Caídos, ou a prisión provincial da Coruña, sen ir máis lonxe, debe evitar a precipitación para resolver en semanas o destino dun sitio tan relevante para o patrimonio europeo como é Meirás. Deixemos traballar aos historiadores, especialistas en literatura e técnicos en museos que mellor coñecen a Emilia e os avatares de Meirás para chegar a un acordo sobre os contidos dun lugar que, ante todo, é territorio emocional de Emilia Pardo Bazán e no que Franco, a pesar dos seus intentos de apropiación, só foi un intruso.