E se gaña Marine...

Ramón Pernas
Ramón Pernas NORDÉS

OPINIÓN

29 abr 2017 . Actualizado ás 10:36 h.

Refírome a Le Pen, a Marine, a reencarnación civil de Juana de Arco, ou da Marianne, símbolo metafórico da Revolución francesa. Marine Le Pen, eurodeputada e representante máxima do antañón e carpetovetónico Fronte Nacional, fundado polo seu pai e representación política e flamíxera dos vellos aínda que vixentes principios fascistas, a pesar da súa maquillaxe incapaz de moderar os seus principios fundacionais. 

A demoscopia optimista, da que eu participo, dá por vencedor na segunda volta ao seu competidor Emmanuel Macron, exministro de Economía de Hollande, líder e fundador dunha sorte de movemento político, ¡En Marcha!, bautizado coas siglas do seu nome, exdirectivo bancario da compaña que mantén o copyright do capitalismo senlleiro e fundacional, a banca Rothschild, político aseado de aspecto amable e imaxe atildada coincidente coa súa idade que non chega aos corenta anos. É o fiel reflexo dun xenro perfecto que estudou na ENA, e que ben podía ser usuario do club Mediterraneé, e posuír unha casa de verán na costa atlántica, que a posúe, e soñar coa súa réplica en Nova Inglaterra

Pai de familia herdada, avó impostado dos netos da súa muller, a previsible, segundo as sondaxes, primeira dama de Francia, señora do Elíseo, 24 anos maior que o seu esposo, de quen foi profesora de literatura nos afastados anos do liceo escolar. Refírome a Brigitte Trogneux, de quen as malas linguas da esquerda melenchoniana aseguran que é o faro e a guía que dirixe a súa carreira política.

Líder sen partido, de ideas sincréticas, que van desde a esquerda amable e compracente ao liberalismo de cabeceira que gusta ao sistema financeiro francés afectado de difíciles tempos de inaprazables reconversións.

Pode gañar a segunda volta, cun discurso poliédrico infestado de posibilismos, apostando por unha Europa probable, un levísimo matiz socialdemócrata, liberal sen concesións no económico, escasamente xenófobo, e moderadamente integracionista coa emigración, un buenismo de verniz, e un modelo de partido improbable que ten a Rivera e a Cidadáns como modelo español. Terá que convencer máis aló dos eslóganes, e talvez o faga, ao electorado galo.

E se non gana, a alternativa é Marine, con teses puídas sobre os vellos argumentos, con cans con distintos colares, con lobos disfrazados de ovellas, con guillotinas virtuais, con emigración controlada, cunha Europa para os europeos, co franco rehabilitado fronte ao euro, con Allons enfants da patrie como banda sonora, movendo os resortes da épica sentimental dos nosos veciños os franceses.

Se gaña Marine terá Trump o seu sosias europeo e fregaranse as mans os paletos británicos do brexit.

Se gaña Marine seremos damnificados os que creemos na liberdade, os que non mantemos as preferencias das inxustizas sobre a desorde, os que combatemos o fascismo coa tolerancia, os que non comulgamos con rodas de muíño

Pode vencer, aínda que custe crelo, aínda que non o contemplemos, aínda que nos custe dar un voto de confianza ao menos malo. Se puidese votar eu votaría a Macron. Xa irá aprendendo desde o poder.