Disparates

Carlos Agulló Leal
Carlos Agulló O CHAFLÁN

OPINIÓN

09 dic 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

Non teño nada contra ti, pero... Se o discurso empeza así prepárache para a que che vén amais . E así é como arrincou a súa penúltima barrabasada a ultradereitista Marine Le Pen. «Non teño nada contra os estranxeiros, pero dígolles: ‘‘Se vides ao noso país, non agardedes ser atendidos, curados, que os vosos fillos sexan educados gratuitamente. Iso rematouse''», bruou a dirixente que aspira a ser a próxima presidenta da República Francesa.

É detestable que constrúa o seu discurso, sen rubor algún, pisando o dereito esencial dun neno a ser educado. Pero aínda é moito máis inquietante que con esa clase de diatribas poida gañarse o apoio de ata un 30 % dos votantes franceses, que lle garantirían o seu pase á segunda volta das próximas eleccións no mes de maio. Escoitamos con estupor, aínda que con certa distancia e displicencia cara ao pobo norteamericano, as bravuconadas xenófobas, machistas e filofascistas de Donald Trump, pero non damos a importancia que ten que Austria teña estado nun tris de darlle a presidencia á ultradereita ou que Le Pen teña tal grao de aceptación en Francia.

Europa está vella e encaixa mal fenómenos que o continente experimentou en carne propia non fai tanto. Pór orde e a atención debida á entrada de refuxiados e emigrantes nada ten que ver con negar a escolarización a un neno. Non ignora Le Pen que a instrución elemental non é só un dereito universal. A instrución elemental é obrigatoria en Francia desde que no século XIX creouse a escola republicana como un dos alicerces dun Estado que aspiraba a ser un modelo. Oxalá non acaben séndoo para nós os disparates de Le Pen.