Falece o pai de Secho Martínez, adestrador do Bergantiños

Melissa Rodríguez
Melissa R. S. CARBALLO / LA VOZ

OBITUARIOS

Secho, entrenador del Bergantiños
Secho, adestrador do Bergantiños Basilio Bello

José Manuel Martínez Romero morreu aos 69 anos de idade tras unha longa enfermidade

23 abr 2024 . Actualizado ás 19:41 h.

O Bergantiños Fútbol Club está de loito tras o falecemento do pai do adestrador do primeiro equipo, Secho Martínez. José Manuel Martínez Romero , coñecido como José Manuel de Carballido, morreu onte luns, aos 69 anos de idade, despois dunha longa loita contra unha enfermidade. Deixa viúva, dous fillos e demais familia.

O seu corpo está a ser velado no tanatorio Os Dolores , de Xarás, en Ribeira . O funeral celebrarase este martes, na igrexa de Santa María de Xuño, en Porto do Son, de onde era natural. O cadáver partirá da funeraria ás cinco e media da tarde. A continuación, os seus restos serán enterrados no cemiterio parroquial.

.

A entidade carballesa mandoulle o seu apoio ao míster a través dun comunicado público: «Nestes momentos tan duros, todas as persoas que traballamos xuntos neste club, mandámoslle un fortísimo abrazo ao noso adestrador, á súa familia e amigos».

A noticia chega no peor momento para o Bergan, que este sábado, a falta de tres xornadas para que conclúa a liga, pode proclamarse campión da Terceira Federación (grupo galego) e asinar o ascenso directo a Segunda RFEF en casa, a condición de que gañe ao cuarto clasificado, a UD Ourense (As Eiroas, 18.00 horas), e o Celta C (segundo) non saia vitorioso do seu encontro na Cheda contra a Polvoreira, na zona media da táboa. Sería o premio a unha tempada de ilusión capitaneada polo sonense, que só suma dúas derrotas, a última o pasado domingo no feudo do Pontevedra B (2-1), en 30 duelos. Secho aterrou na capital bergantiñá o pasado verán.