Os satélites de Elon Musk déixanse ver en Sarria

SARRIA

Pepe López

Veciños do municipio lucense puideron observar este luns a rede Starlink

25 dic 2023 . Actualizado ás 21:33 h.

Non era o trineo de Papá Noel fóra de hora. O que os veciños de Sarria viron este luns pola noite cruzando o ceo era a rede de satélites Starlink, de Elon Musk.

A rede do empresario é un conxunto de satélites en órbita terrestre baixa deseñados para dar acceso a Internet a gran velocidade. Pero máis aló da súa funcionalidade, alá por onde pasan sorprenden por ser unha fileira de puntos brillantes no medio do ceo que pasan a gran velocidade.

«Parecían estrelas en fila dando un paseo», comentaba unha sarriá que os viu, sobre as oito da tarde desde a parroquia de Santiago da Veiga.

A sorpresa, mesturada coa curiosidade, sucédense cada vez que se observan os satélites de Musk alá por onde pasan. Este luns, ao estar o ceo despexado, puidéronse ver con nitidez desde Sarria, pero hai mesmo páxinas web que informan, aos máis curiosos, sobre onde se poden observar e a que hora.