O interventor municipal deixa Lugo para traballar no Concello de Ferrol

La Voz LUGO

LUGO CIDADE

Manuel Vázquez Fernández, en un pleno en Lugo
Manuel Vázquez Fernández, nun pleno en Lugo ALBERTO LÓPEZ

Despois de ser clave no mandato de Lara Méndez, traballará agora co popular José Manuel Rey Varela

26 feb 2024 . Actualizado ás 19:30 h.

O interventor municipal de Lugo, Manuel Vázquez Fernández, deixa o Concello lucense para traballar no de Ferrol. Tras solicitar o seu traslado a Ferrol, notificará oficialmente estes días que abandona a cidade de Lugo.

Vázquez foi clave durante o mandato da exalcaldesa Lara Méndez, e chegou a ser case a súa man dereita, con máis influencia mesmo que os secretarios. Con este cambio, pasará a traballar co alcalde popular José Manuel Rey Varela.

Manuel Vázquez levaba desde febreiro do 2019 como interventor do Concello de Lugo, onde tamén foi coordinador de Alcaldía e Urbanismo, gañando responsabilidades e intervindo en asuntos que levaban tempo bloqueados, como a aprobación do 5 % do PXOM.

O PP teme que se poidan chegar a bloquear os servizos municipais

Para os populares resulta «chocante» que en dous meses se haxan ir os dous funcionarios de maior cargo do Concello, como son o interventor e o secretario. Primeiro, o viceportavoz do PP, Quique Rozas, pregunta que pasa no goberno local para que haxa unha fuxida de altos cargos: «A marcha da alcaldesa foi a punta de iceberg dunha cascada de dimisións xa que en dousmeses abandonaron o Concello dous funcionarios de alta dirección do organigrama municipal».

Rozas cre que a deriva do goberno e a falta de persoal cualificado pode chegar a bloquear algúns servizos, provocando caos e inestabilidade na xestión municipal. «Está dificultando o funcionamiento eficaz do Concello e, en consecuencia, a prestación de servizos axeitados aos cidadáns» resaltou.

As vacantes de altos cargos, defende o PP, podería relacionarse coas ordes do Concello que enviou recentemente o concelleiro Pablo Permuy a través dunha circular na que indicaba aos responsables das áreas que non deben asignar nin realizar funcións doutra categoría. Fíxoo para evitar sentenciar xudiciais favorables a traballadores que reclamaban compensacións salariais. «Non todas as áreas teñen persoal suficiente, polo que se cada funcionario fai estritamente o que lle corresponde hai algúns servizos que quedan descubertos», aclarou Rozas.

Por iso, o PP pide ao Concello que dote a todos os departamentos co persoal suficiente. Concretamente a marcha do interventor consideran que agravará está situación porque «non é unha praza apetecible dada a desorganización, os contratos caducados; proxectos faraónicos difíciles de manter, xestión moi deficiente e as disputas internas entre os socios do goberno, que complican o día a día do funcionariado».

VARIAS VACANTES DE XEFES DE SERVIZOS

Os populares lembraron que son varias as prazas vacantes no Concello. A praza de vicesecretaría está cuberta de forma provisional por un técnico de administración xeral que non está habilitado, como a xefatura de Arquitectura. Tamén a praza de xefatura de Licenzas e Contratación está vacante.

«A estas prazas poden optar funcionarios doutras administracións pero tampouco as piden, o Concello ten que explicar que pasa para que isto suceda», expuxo Rozas.