O Belén de Begonte inaugura o Nadal na provincia

Laura López LUGO / LA VOZ

BEGONTE

Na inauguración do Belén de Begonte houbo música e moita participación
Na inauguración do Belén de Begonte houbo música e moita participación cedido

O nacemento electrónico e animado poderase visitar ata finais de xaneiro

03 dic 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Coa apertura do clásico Belén de Begonte, declarado de Interese Turístico Galego, dáse por inaugurado o Nadal na provincia de Lugo. O nacemento poderase visitar ata finais de xaneiro no centro cultural José Domínguez Guizán. O arzebispo de Santiago, Francisco Prieto, foi o encargado de inaugurar o sábado a edición número 52 deste evento co seu pregón de Nadal.

O principal atractivo do Nadal de Begonte é precisamente o seu belén electrónico con figuras animadas, ás que se sumaron nesta edición dúas novas pezas: un «pobre de pedir», obra de María Méndez Rodríguez, e un recén nado, do escultor César Lorenzana, quen está elaborando figuras para instalar en 19 parroquias do municipio. A primeira loce desde hai un ano no núcleo de Begonte, e nos últimos meses tamén se colocaron as de Damil, San Vicente da Pena, Pacio se Saavedra.

O belén poderá visitarse todos os días de 11.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 horas desde o 23 de decembro ata o 7 de xaneiro. Durante as restantes semanas, estará aberto os sábados, domingos e festivos polas tardes.

Paralelamente, convócanse o XXXIV Certame Galego de Arte José Domínguez Guizán, e o Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal, o Certame Xornalístico Begonte e o Nadal e o Certame de Debuxo Infantil sobre o Nadal, que xa acadan a súa edición número 48. As obras do certame de arte van ser expostas na sala de exposicións da delegación territorial da Xunta en Lugo e tamén na Casa da Cultura de Begonte.