Miguel Rico tomou posesión como alcalde de Monterroso en substitución de Jesús Otero

Xosé Ramón Penoucos Blanco
x. r. penoucos LUGO / AXENCIA

LUGO

penoucos

É a segunda substitución nunha alcaldía que se produce na provincia

19 dic 2016 . Actualizado ás 22:46 h.

O pleno de Monterroso aprobou por maioría absoluta cos 7 votos do grupo de Inta elixir a Miguel Rico alcalde en lugar de Jesús Otero, quen asinou o seu cesamento o pasado mes de outubro para cumprir coa sentenza xudicial do denominado caso das multas.

O paso previo á elección do novo rexedor foi o nomeamento da independente María Jesús Carballo como nova concelleira da corporación para que tamén puidese participar na elección de alcalde.

A votación realizouse polo método de man alzada e Rico foi nomeado cos 7 votos do seu grupo.

Miguel Rico estaba a exercer como alcalde en funcións e manifestou tras ser investido que a oficialización do seu nomeamento non vai supor ningún cambio. «Non cambia nada, xa dixen en máis ocasións que eu estaba aquí para prestar un servizo ao pobo, do mesmo xeito que a xente do meu grupo, e a única diferenza é que os meus compañeiros me pediron que asumise unha nova responsabilidade. Eu non son político, polo que insisto en que só quero axudar á xente de Monterroso».

O alcalde dixo que non vai percibir ningunha dedicación e que só cobrase o estipulado por asistencia aos plenos, 60 euros. «Vou seguir co meu traballo como fixen ata agora e como tiven pensado cando decidín ir nunha lista cun grupo de xente cuxo único fin é traballar por Monterroso.», manifestou Miguel Rico.

Aproban un orzamento de 2.8 millóns de euros para o 2017 cun incremento do 257% para as festas

O punto máis relevante que trataron no pleno foi o dos orzamentos. Os responsables municipais presentaron un orzamento de case 2.800.000 euros.

A maior parte do orzamento municipal vai destinado a servizos sociais e a gastos de persoal.

A repartición foi cuestionado polo PSOE por considerar que se destinaba pouco diñeiro ao apartado de investimentos. O alcalde lembrou que no programa electoral de Inta figuraba o investimento en servizos sociais como unha prioridade. A portavoz do PP, Pilar Varela, foi concisa na súa valoración sobre as contas, das que unicamente opinou que «non reflicten nada alarmante».

«A partida de servizos sociais non inclúe só apartados como o centro de día ou o da terceira idade. Tamén se inclúen outros aspectos como deportes, mocidade, gardería ou a ocioteca, polo que afecta a unha parte moi numerosa da poboación, por iso para nós é unha prioridade», explicou o novo rexedor, Miguel Rico.

O alcalde explicou que un dos grandes cambios que rexistraban os orzamentos era que aumentaban un 257% a partida destinada á organización das festas patronais do San Miguel, pasando de 7.000 euros do último ano os 25.000 do 2017. «É unha promesa que fixemos e cumprímola». «Pouco traballo e moita festa», replicoulle o socialista Darío Rodríguez.