Cúmprense nove anos do último ascenso de categoría do Sober

PABLO BERNEDO / LUIS CONDE MONFORTE / LA VOZ

SOBER

VANESSA FERNÁNDEZ

O equipo de Ibán Lagoa está a 90 minutos de conquistar outro mañá

26 abr 2024 . Actualizado ás 19:19 h.

O Sober está a noventa minutos da gloria. É dicir, a un partido de conseguir o ascenso á Segunda Autonómica, a súa categoría natural. Mañá é o día D para a escuadra de Ibán Lagoa. Ás seis e media da tarde disputará no campo municipal de Centeás o partido de volta da final do play-off de ascenso. E farao con vantaxe, xa que na ida derrotou ao Santa Comba por 1-2.

O curioso é que este venres fixo nove anos do último ascenso do equipo soberino á Segunda Autonómica. Leva buscando dar o salto de categoría desde o 2017, momento no que consumou o seu descenso.

Aquel ascenso na tempada 2014/2015 foi moi traballado. Esa campaña o cadro soberino acabou na quinta posición, o que o que lle permitiu disputar a promoción. Nas semifinais eliminou ao Garabolos e na final viuse as caras co Oural. No partido de ida, os soberinos impuxéronse por 1-0, e en Luis Pallín caeron derrotados por 1-0. Houbo que ir aos lanzamentos de penaltis, e aí o Sober saíu airoso.

VANESSA FERNÁNDEZ

Os futbolistas do conxunto de Centeás Cazón, Anxo, Breo, Bertín e Ío marcaron os cinco lanzamentos, mentres que o Oural só materializou catro. Capitaneando desde o banco estaba Perry e na presidencia o incombustible Emilio Sánchez, actual portavoz do BNG en Monforte, que estivo máis de dúas décadas dedicadas ao Sober.

Unha longa espera

Nos últimos anos o Sober disputou, contando coa desta tempada, un total de cinco promociones de ascenso. Na campaña 2017/2018, o equipo soberino concluíu na segunda praza, que o clasificou para disputar unha promoción de ascenso, na que acabou sexto —disputábana oito equipos—.

Na seguinte tempada tampouco cumpriu obxectivos. O Sober conquistou a cuarta praza na liga, pero caeu derrotado nas semifinais do play-off de ascenso ante o Río Sil.

VANESSA FERNÁNDEZ

Tras a pandemia, os soberinos foron segundos na liga e na promoción xogaron nun grupo que deu o ascenso ao Carballedo. A pasada tempada lograron a sexta posición e en semifinais perderon ante o Incio que acabou ascendendo.

O domingo, o campo de Centeás será unha pota a presión. E é que a afección está motivada e coa ilusión de vivir un ascenso tan ansiado. Aínda que non o digan, algo hai preparado para celebrar o salto de categoría. Iso si, respectando ao Santa Comba.

Máis de tres décadas

O Sober é un club con soleira no fútbol comarcal. Xa son 35 os anos que ten. Nestas máis de tres décadas de existencia, o Sober pasou momentos bos e malos, ademais de conseguir títulos de liga, que lle permitiron ascender de categoría e cópaa Deputación, que é, sin duda, un dos trofeos máis prezados da historia do club.

VANESSA FERNÁNDEZ

En xullo do 2015, xusto despois de conseguir o último ascenso de categoría, o Sober rendeu unha emotiva homenaxe aos presidentes que estiveron a cargo de a entidade. Ese recoñecemento foi para Manuel Álvarez Chaos, Juan Domínguez Álvarez, Arturo Corral Silva, José Rodríguez Pérez, Francisco Franco Rodríguez, Emilio Sánchez, José Luis Corral «Pilís» e Ramiro Rodríguez —estes dous últimos xa falecidos—. A iniciativa partiu de Jorge Rivas, que acababa de asumir a presidencia. Hai que destacar así mesmo a achega de Martín —Piñeiro é o actual presidente— e de Ibán Lagoa.