O Atlético Escairón busca preservar a súa segunda praza ante o Foz

Luis Conde MONFORTE / LA VOZ

O Saviñao

CEDIDA

20 ene 2024 . Actualizado ás 12:32 h.

O Atlético Escairón, que a pasada xornada vendeu cara a súa derrota ante o líder do grupo terceiro da Primeira Autonómica, o Pol, recibe este domingo ás catro e media da tarde no municipal do Saviñao ao Foz.

Os discípulos de Iván González queren resarcirse da derrota ante o primeiro clasificado e buscan tres puntos que o consolide no segundo posto e que lle permita manter a súa distancia con respecto a Burela e Chantada Atlético, que son terceiro e cuarto clasificados, respectivamente.

O preparador ourensán do Atlético Escairón agarda contar con todos os seus efectivos. No seo da entidade do Saviñao son conscientes de que a prioridade agora é acabar na segunda praza. E é que salvo hecatombe do Pol, este conxunto ten case un pé na Preferente. É verdade que queda toda unha volta, pero o Pol avantaxa en doce puntos ao Escairón e nesta entrega gañou todos os partidos que disputou.

Pendente do que suceda neste Escairón-Foz estarán os futbolistas do Chantada Atlético, que reciben este domingo ás catro da tarde no municipal do Sangoñedo ao Outeiro de Rei. O equipo de Edu Rodríguez encara o partido coa moral alta, e máis despois de superar ao Guntín a domicilio.

Este encontro é moi importante, xa que se gana, o Chantada Atlético deixaría descolgado a un opoñente directo polo ascenso á Preferente. Actualmente, o equipo do Sangoñedo, que é cuarto, avantaxa en nove puntos ao Outeiro de Rei.

Esta décimo novena xornada da liga da Primeira Autonómica complétase co partido que xogará o Taboada co Pol. Será ás catro da tarde no campo da Medela-Canti. Os futbolistas de Martín Murado queren ser o primeiro equipo que logre dobregar ao líder. A empresa preséntase complicada, pero non imposible.