
No xacemento do Saviñao aparecen máis elementos de interese arqueolóxico
28 jul 2015 . Actualizado á 05:00 h.Desde hai vinte días está a levarse a cabo a terceira campaña de escavaciones arqueolóxicas no castro de Arxeriz, no municipio do Saviñao, dentro dentro dun proxecto promovido e financiado pola Fundación Xosé Soto de Fión. A intervención destaca por ser a única deste tipo que se realiza actualmente nun castro en todo o sur lucense e tamén polo feito de que todo o que vai saíndo á luz se musealiza e ábrese ás visitas turísticas de forma case inmediata. Isto é o que ocorrerá dentro duns meses cos restos construtivos que se están desenterrando agora no antigo asentamento.
A fundación que promove as escavacións xestiona o Ecomuseo de Arxeriz, en cuxos terreos se atopa o castro. Tras cada unha das dúas campañas arqueolóxicas precedentes, os vestixios de construcións castrexas que se foron sacando á luz sometéronse a operacións de consolidación e sinalización. Os visitantes do museo teñen así a oportunidade de ver cos seus propios ollos como van avanzando as escavacións de ano en ano, algo moi pouco común nos xacementos arqueolóxicos.
No que vai da actual campaña fóronse desenterrando novos elementos que máis adiante serán mostrados aos visitantes. Por unha banda, seguen saíndo á luz restos de construcións que corroboran a importancia da estrutura urbana deste asentamento protohistórico situado nun grande espolón rochoso desde o que se domina un amplo panorama do val do Miño e o gran meandro coñecido como Cabo do Mundo. Unha das zonas onde se está escavando é a contorna dos restos dunha edificación que xa se desenterró parcialmente en anteriores campañas e que ofrece especial interese porque podería tratarse dun almacén de cereais. Os actuais traballos poderían proporcionar máis pistas a este respecto.
Ademais de restos de muros e empedrados, os arqueólogos están a descubrir outros elementos construtivos de interese, como banzos de escaleiras e as pegadas que deixaron na roca os picos que utilizaron os construtores do castro.
Tamén se puideron atopar varios muíños de man e numerosos restos de cerámica, entre os que destacan os fragmentos dunhas vasillas de considerable tamaño -con bocas de 35 centímetros de diámetro- que agarda poder reconstruír en gran parte. Estas pezas serán expostas no museo cando remate o seu estudo e restauración.
Os restos que van aparecendo abriranse en breve ás visitas turísticas