
Poesía, música, pintura e danza nunha exposición no Pazo de Sabadelle sobre o xeógrafo autor do primeiro mapa topográfico de Galicia
05 jun 2025 . Actualizado a las 19:42 h.O Pazo de Sabadelle, en Chantada, será escenario este sábado dunha exposición multidisciplinar ideada como unha homenaxe a Domingo Fontán, o xeógrafo, matemático e político autor da denominada Carta Xeométrica de Galicia, o primeiro mapa científico do país, impreso en París no ano 1845. Titulada «Toda Galicia vai nela», será inaugurada este venres pola tarde.
A mostra, organizada polos responsables dopazo coa colaboración do Concello de Chantada, trata de resaltar o valor do traballo de Fontán, quen iniciou en 1817 a elaboración daquel mapa pioneiro. Como explica Xosé Figueroa Lorenzana, do Pazo de Sabadelle, os promotores desta iniciativa queren «dar a coñecer aquelas persoas e cousas que consideramos teñen relevancia na nosa historia e deben preservarse na nosa memoria».
O concelleiro de Cultura de Chantada, Manuel Diéguez, subliña o compromiso do concello con esta iniciativa: «Estas actividades son recordatorios de partes importantes da historia de Galicia e axudan a divulgar e poñer en valor a nosa cultura e tradición».
O título da exposición fai referencia ao título dun artigo xornalístico sobre escrito por Otero Pedrayo sobre este pioneiro da topografía en Galicia e o seu traballo máis coñecido.

O programa previsto para este venres mesturará dierentes expresións artísticas, como a poesía, música ou a danza nunha xornada que está aberta ao público . A inauguración terá lugar ás oito e media da tarde e correrá a cargo da enxeñeira de Camiños e Portos Gemma Rojo, nun acto que pretende celebrar da identidade galega a través das seguintes expresións artísticas:
Pintura. As artistas Marita Carmona e Alba Fernández presentarán os seus traballos.
Poesía. Interveñen as poetas Marisa Álvarez Landesa e Elba Grande, e o poeta Correa Correadoira.
Deseño. A deseñadora chantadina Dánae Mariño ofrecerá unha actuación poética con deseños propios.
Música e literatura. Xurxo Souto presentará o seu novo libro, que se titula Somos un pobo de artistas, e repasará na súa intervención a historia recente da música galega.
Música en directo. Pechará o acto Sofía Espiñeira coa presentación da súa proposta musical Xeografías.
A exposición «Toda Galicia vai nela» permanecerá aberta ao público no Pazo de Sabadelle durante as próximas semanas.
En detalle
- Cando. Sábado 7 de xuño. 20.30 horas.
- Onde. Pazo de Sabadelle. Fondodevila, parroquia de Sabadelle. Chantada.
- Acceso. A entrada é libre