A torre da central de Meirama xa non se verá desde o monte Faro

Roi Fernández / Francisco Albo CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

Desde esta cima de Chantada avistábase a construción recentemente demolida, a pesar de estar situada a 65 quilómetros

23 dic 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

A demolición controlada da torre de refrixeración da central térmica de Meirama , levada a cabo o pasado mércores, cambiou a paisaxe que se divisa desde o monte Faro, en Chantada , aínda que percibir esa transformación non resultará moi doado. Aínda que é un feito pouco coñecido, a gran estrutura —de 126 metros de altura— podía verse en certas ocasións desde o alto do monte chantadino.

A distancia en liña recta entre o cume do monte e a central térmica —no municipio coruñés de Cerceda é duns 65 quilómetros. Para divisar a torre de Meirama debían cumprirse certas condicións. Unha delas, que o aire estivese excepcionalmente claro, xa que a presenza de nubes, neblinas, calimas ou pole non permitiría distinguir a construción. Outra condición consistía en localizar un punto de observación adecuado, xa que nunha gran parte do monte a vista queda tapada polas plantacións de piñeiros.

Xunto ao santuario

Un lugar especialmente apropiado para o avistamento atópase xunto ao coñecido santuario de , Nosa Señora do Faroa unha altura de 1.155 metros sobre o nivel do mar. Situándose á dereita da porta da ermida e volvendo as costas ao muro, hai que mirar en dirección ao noroeste. Neste preciso punto foron obtidas a fotografías que acompañan estas liñas, que se tomou cun teleobjetivo de 150 milímetros. Pero se visibilidade era boa, a torre de Meirama podíase distinguir a primeira ollada. Nesas condicións tamén se pode avistar o centro urbano de Arzúa.

O avistamento da torre da central de Meirama é unha proba máis da ampla visibilidade de que goza o monte Faro, que foi posta de manifesto nun estudo realizado polo arqueólogo César Parcero Oubiña, do Instituto de Ciencias do Patrimonio, que depende do Consello Superior de Investigacións Científicas. Neste traballo, que se deu a coñecer no 2019, demostrouse que o monte Faro —dunha altura de 1.188 metros— é o punto máis visible de todo o territorio galego. Parcero puntualizou que o cálculo se efectuou desde unha perspectiva teórica e baseándose só na topografía do territorio, sen ter en conta elementos que poden interferir na visión, como os edificios ou as masas de vexetación. A situación xeográfica do monte, non só a súa altura, explica este elevado grao de visibilidade.