Augacaída, a ruta máis popular da Ribeira Sacra

carlos roda, francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Un camiño recentemente acondicionado leva a dous espectaculares recunchos do municipio de Pantón

26 jun 2017 . Actualizado ás 22:35 h.

Unha das rutas de sendeirismo da Ribeira Sacra que máis demanda ten actualmente é a da fervenza de Augacaída e do castro de Marce, no municipio de Pantón . Ata hai aproximadamente un mes, este itinerario presentaba unha serie de dificultades no seu tramo final -mesmo con risco de accidentes- debido ás fortes pendentes e ao esvaradío do terreo en época de choivas. Para liquidar este problema, o Concello de Pantón -co financiamiento da Deputación- levou a cabo a finais do pasado maio unhas obras para acondicionar este tramo problemático. Con este fin construíronse unhas pasarelas de madeira con pasamanos e unha serie de chanzos nalgúns tramos particularmente empinados do carreiro. O percorrido segue ofrecendo certo risco en épocas de choiva, pero as condicións de acceso volvéronse considerablemente máis doados, o que axudará a incrementar a popularidade destas paraxes.

O punto de inicio da ruta atópase á dereita da estrada que une as localidades de Marce e Guítara. No primeiro quilómetro, o camiño é ancho e está parcialmente empedrado en varios tramos. Discorre a través dun bosque formado principalmente por carballos, entre restos de terrazas de antigos viñedos abandonados.

Unha bifurcación

No quilómetro 1,2 e á altura dunha vella adega en desuso, o camiño bifúrcase. Se queremos ir en primeiro lugar ao castro de Marce -a uns oitocentos metros deste punto-, debemos seguir de fronte. Para ir á fervenza de Augacaída -a uns cincocentos metros-, teremos que tomar o camiño da esquerda, o máis estreito dos dous.

Para ir ata o castro, debemos seguimos avanzando sen desviarnos ao longo duns catrocentos metros. Despois o camiño cruza un pequeno arroio e estréitase para convertise nun carreiro ata as proximidades do castro. Logo entra nun bosque de alcornoques que se estende ladeira abaixo ata chegar á canle do Miño no lugar do Pedregal. Despois de atravesar o bosque, o carreiro ascende ata a parte máis alta do castro, asentado sobre un impresionante promontorio rochoso -coñecido como Regata do Inferno- que se eleva ata uns douscentos metros de altura sobre a canle do Miño.

Grazas á súa estratéxica posición, o castro era un punto clave para a vixilancia do chamado porto de Chouzán, un embarcadoiro coñecido antigamente como Porto Monsulio que se atopaba na marxe oposta do Miño, no actual municipio de Carballedo. Do antigo asentamento -que nunca foi obxecto de escavacións arqueolóxicas- quedan restos de muros, sobre todo nalgunhas zonas de fortes desniveis onde foi preciso acondicionar o terreo mediante terrazas.

Cara á fervenza

Unha vez visitado o castro, regresamos ao cruzamento anterior e tomamos o outro camiño, que nos vai levar á fervenza de Augacaída. Este tramo é o que máis dificultade ofrece de toda a ruta polos seus fortes desniveis. Os últimos douscentos metros conforman o treito máis problemático, debido á pendente do terreo e á presenza de grandes cantidades de pedras soltas. Antes de que se construíse a actual pasarela, a única axuda que había eran unhas cordas colocadas por visitantes para facilitar o descenso.

O camiño finaliza á altura da fervenza, nun saínte rochoso sobre o que foi construído un miradoiro de madeira. Desde este punto, os visitantes poden hoxe contemplar ás súas anchas o espectacular salto de auga -duns corenta metros de altura- que forma o arroio de Aguianza a escasa distancia da súa desembocadura no Miño. Ao pé da fervenza fórmase unha piscina natural.

Como chegar

 Hai que saír de Ferreira de Pantón, a capital do municipio, pola estrada que leva a Escairón. No quilómetro 4 é preciso tomar un desvío á esquerda para Santa Mariña, Marce e Guítara. No quilómetro 9,5 hai un desvío cara a Marce. Hai que seguir polo viario da esquerda cara a Guítara uns 300 metros, ata chegar a un panel que sinala o punto de inicio da ruta.