O ADN desfará o agravio da fosa do cemiterio de Teilán

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

O corpo recuperado no 2012 en Bóveda pode non ser o do guerrilleiro Bernardo Álvarez. Haberá que facer outra exhumación para comprobalo

06 abr 2015 . Actualizado ás 21:00 h.

Voluntarios da Asociación pola Recuperación da Memoria Historia abriron fai tres anos unha fosa común no cemiterio de Teilán para exhumar o corpo de Bernardo Álvarez Traballo e entregarllo aos seus familiares. Querían esparcir as súas cinzas no Bierzo, a súa comarca natal, de onde fuxiu tras a guerra civil para pasar á clandestinidade dentro das guerrillas antifranquistas que operaron en Galicia nos anos corenta. Coñecido polo sobrenome de Gasta, Bernardo Álvarez foi asasinado en 1949 nun monte de Bóveda por un garda civil que se infiltrou no maquis.

Outros dous guerrilleiros morreron a tiros naquela mesma operación. Eran Manuel Fernández Soto, «coronel Benito», e Elías López Armesto, «Paxaro». Este último puido escapar malferido da emboscada, pero morreu no monte pouco despois. O seu corpo foi atopado un mes máis tarde por un pastor.

O coronel Benito morreu ao instante, igual que Gasta. Os dous foron enterrados nunha mesma fosa común escavada no cemiterio de Teilán, a parroquia na que se atopaban cando caeron naquela encerrona mortal. A Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica púxose a buscalos cando os descendentes de Manuel Fernández Traballo puxéronse en contacto con eles para pedirlles axuda para atopalo.

A seis metros do muro

Consultaron a documentación xudicial dispoñible sobre aquel caso e localizaron o enterramento con relativa facilidade. «A descrición do lugar no que se atopaba a fosa -lembra Marco González, vicepresidente da asociación- era bastante precisa». Atoparon os dous corpos a seis metros do muro este e moi preto da porta norte, tal como dicía a acta de enterramento da época.

Unha vez atopados os corpos, foi preciso determinar cal era o de cada un. A acta de enterramento tamén describía en que lugar fora colocado cada un. Pero na asociación hanse dado conta de que había un erro. O corpo que sacaron de Teilán en setembro do 2012 pode non ser o de Gasta. As feridas que presenta non son exactamente as que describe o informe forense de 1949. Así que hai un erro, ou na autopsia ou no documento de enterramento. O único xeito de estar seguros é facer análise xenéticos. As mostras do corpo desenterrado fai tres anos xa as teñen, pero necesitan tamén outros do cadáver do que ata agora pensaban que era o do coronel Benito. Este corpo non foi exhumado no 2012 porque ao contrario que Gasta Manuel Fernández Soto non ten descendentes directos e os familiares que foron localizados en Mugardos non mostraron interese por sacar o corpo de Teilán.

A Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica dispón xa de permiso do Obispado de Lugo, o propietario do terreo, para volver abrir a fosa. Pero aínda non saben cando o farán. «Só falta que formemos o equipo e que rematemos outros traballos que temos pendentes», explica Marco González. Como o corpo está localizado, non lles levará moito tempo. O que si pode tardar é o resultado da investigación xenética. Os restos de ambos os corpos e as mostras xenéticas cedidas por familiares de Gasta serán enviados a Arxentina. O equipo de antropoloxía forense daquel país que colabora desde hai anos con esta asociación será o que coteje os datos e busque as equivalencias de ADN.

No camiño polo que escapou

Só entón, Santiago, o único fillo que tiña Bernardo Álvarez, poderá esparcir as cinzas do seu pai no camiño polo que escapou en 1948 cando a Garda Civil foi a buscalo á súa casa de Bembibre. A última vez que o viron con vida.

memoria histórica as vítimas do franquismo

Os familiares do terceiro asasinado reclamaran os seus restos no 2012

Elías López Armesto, «Paxaro», era o único dos integrantes do grupo do coronel Benito que foron asasinados aquel 22 de xuño de 1949 que era natural do municipio de Bóveda. Irmán do último alcalde republicano de Paradela, o corpo de Paxaro non foi enterrado na mesma fosa que os seus dous compañeiros, porque o seu corpo foi atopado no monte varias semanas despois da emboscada.

O seu corpo estaba enterrado por detrás da cabeceira da igrexa e tamén foi localizado nas escavacións do 2012. Os seus familiares reclamaron entón o corpo para sacalo da fosa e enterralo nunha sepultura.

O antecedente das identidades erróneas dos tres enterrados en Triacastela

O de Teilán non é o primeiro caso de identificación errónea ao que se tivo que enfrontar a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica. Ocorreu no 2010 cos corpos de tres maquis atopados no cemiterio de Vilavella, no municipio de Triacastela. Cando abriron a fosa, na asociación agardaban atopar a Pedro e Salvador Voces Cañóniga e a Ovidio Peláez Rodríguez. Eses eran os nomes que aparecían nos documentos xudiciais que deixan constancia do seu enterramento nunha fosa dese camposanto en 1943, tras ser abatidos a tiros polas forzas de seguridade franquistas.

Con todo, resultou que Salvador Voces e Ovidio Peláez morrera realmente uns anos despois daquilo. Os investigadores da asociación chegaron á conclusión de que os dous corpos atribuídos en 1943 a eles correspondían en realidade a Antonio Veiga Guerreiro e Félix Yáñez González, procedentes das localidades bercianas de Villabuena, San Xoán de Mátaa e Campelo, respectivamente.

Teilán e Vilavella son dous dos catro enterramentos de vítimas do franquismo exhumados ata agora na metade sur da provincia de Lugo pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica. As outras dúas aperturas de tumbas levaron a cabo en Cereixido (Quiroga) no 2008 e en Cortapezas (Portomarín) no 2005.