Pablo Meixús: «É unha tempada case bordada, pero falta culminala»

LA VOZ VIGO

BANCADA DE RÍO

XOAN CARLOS GIL

O canteirán di que a estas alturas o «obxectivo claro» da Celta Fortuna é o play-off

10 may 2024 . Actualizado á 14:26 h.

O futbolista da Celta Fortuna Pablo Meixús, un dos xogadores do Celta C Gran Peña que se asentaron no primeiro filial, fala da situación do equipo na previa de recibir ao Raio Majadahonda. «O equipo está bastante ben, ilusionados por estar aí arriba pelexando ata o final, ata onde nos dea. Está claro que podemos falar dun obxectivo claro, que é o play-off, e cando máis arriba, mellor», desliza.

Avisa de que hai que fuxir das confianzas que pode xerar o feito de medirse a un rival que está matematicamente descendido. «Vai ser un partido duro mentalmente. Pódeche fallar pensar que vai ser doado, non é así. Vai ser un partido disputado», augura á vez que lembra que as cousas en Balaídos están a ir moi ben aos de Fredi Álvarez. «É verdade que se nos está dando ben e esperamos seguir nesa liña. Xogar na casa estanos dando un plus, sentímonos fortes. Non te esperas gañar tantos partidos por goleada porque é unha categoría complicada e, xogues contra quen xogues, os resultados adoitan ser pechados», profunda.

Admite que «pouco máis se pode pedir» á tempada do equipo, que practicamente o han «bordado», aínda que «falta culminar estes últimos partidos para estar metidos no bonito e seguir soñando». O que xa está claro é que foi un curso «súpers completo, de crecemento colectivo e individual de cada xogador. Unha moi boa tempada».

Para o que queda, pide ao celtismo que lles siga arroupando como ata o de agora. «É incrible que vaia a xente para apoiarnos, darnos ese empuxón e ser o xogador número doce. Esperemos que veñan animarnos nestas últimas xornadas. Xuntos imos a polo obxectivo», finaliza.