Ao Eurocelta faltáronlle tres semanas

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

BANCADA DE RÍO

Óscar Vázquez

Unha recuperación brillante A chegada de Coudet transformou o equipo a partir de decembro

11 jun 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O Real Club Celta de Vigo tocou fondo o 21 de novembro do 2020, tras caer derrotado no Sánchez Pizjuán fronte ao Sevilla. O meritorio faroliño vermello fraguouse tras xogar dez partidos nos que tan só acumulara sete puntos. Dez días antes, a directiva tomara a decisión de cambiar ao adestrador. Despediu a Óscar García Junyent e anunciou a chegada de Eduardo Coudet, un home que xa vestira a camiseta celeste 2002/03. Só seis xornadas despois, os xogadores olívicos sumaron cinco vitorias e un empate, saíron dos postos de descenso e comezaron a contemplar a idea de acadar a clasificación europea.

Foron xornadas de ilusión, dun conxunto que á súa consabida calidade Coudet implantou orde táctica, solidariedade e fortaleza mental. Granada, Athletic, Cádiz, Alavés, Xetafe e Huesca foron os rivais contra os que o adestrador arxentino aplicou o seu manual de velocidade, presión alta e asociación en ataque. O resto fixérono os xogadores e, por suposto, Iago Aspas, un xogador que vale máis polo que achega ao equipo que polos numerosos goles que consegue.

Aqueles días de moito foron vésperas de case nada, porque o mes de xaneiro supuxo un golpe de realidade. Tres equipos da parte alta da táboa, Real Madrid, Vilarreal e Betis, mostraron ao Celta cal era a súa liga, e houbo que agardar a febreiro para endereitar o rumbo.

Unha das grandes dificultades que tivo o equipo olívico esta tempada quedou de manifesto nese tramo. Coudet dispuxo dun once titular de alto nivel, pero un armario de inferior calidade que fixo perder forza ao conxunto nalgúns momentos do ano.

O tramo final do campionato foi novamente para enmarcar, quedando a sensación na afección de que tan só faltaron tres semanas máis para facer algo grande nunha tempada na que o Celta chegou a ser o último equipo da clasificación. O oitavo posto final, con 53 puntos, remite á última tempada de Berizzo, cando o Celta clasificouse para Europa con sete puntos máis que na que acaba de rematar.

Tras 38 xornadas de fútbol, pódese dicir que o Celta realizou unha moi boa tempada, e que por fin conta cun adestrador que é capaz de conxugar a calidade, a orde, a fortaleza no terreo de xogo e, sobre todo, concitar o compromiso de todos os xogadores que están sobre o céspede. Ademais, Coudet non pareceu ter medo a acudir puntualmente aos mozos da canteira, o que podería ter unhas consecuencias positivas de cara ao futuro.

Con axustes de banco e na liña defensiva, posiblemente a próxima tempada os seguidores do Celta poderán volver vivir en Balaídos grandes momentos futbolísticos.