Pione Sisto presenta un documental sobre a súa vida

La Voz VIGO

BANCADA DE RÍO

O tráiler do proxecto, no que quere achegar a súa historia á xente, inclúe imaxes do seu paso polo Celta

14 sep 2020 . Actualizado ás 12:59 h.

O excéltico Pione Sisto, que deixou de pertencer ao club a semana pasada para regresar ao club desde ao que chegara no 2016, o Midtjylland, presentou hoxe o tráiler do documental que prepara sobre a súa vida. A través das súas redes sociais enlazou o vídeo colgado na súa nova canle de Youtube, unha peza de pouco máis dun minuto de duración que inclúe imaxes do seu paso por Vigo. Alí mesmo explica o sentido deste documental bautizado como Sisto vs. Pione.

«Fun noticia nos últimos anos. En todo o mundo. Dinamarca ten un futbolista que coa súa historia e personalidade, deu lugar a grandes debates nacionais e bos risos. Pero son unha persoa como todos os demais con sentimentos, soños e ambicións», comeza a descrición na súa canle. É unha idea na que Sisto incidiu sempre: que non está por amais de ninguén polo feito de ser futbolista. «Para min é importante mostrarlle á xente que non hai diferenzas entre calquera deles e eu», dicía na súa última entrevista a La Voz, no verán do 2019.

Esta serie documentar pretende achegar aos espectadores a Pione «como persoa, xogador de fútbol». «Seguirasme de preto e verás o mundo a través dos meus ollos», comenta. Xa en declaracións a semana pasada tras oficializarse o seu regreso a Dinamarca, falaba de que o seu equipo gravara o proceso polo que tomara esta decisión e que os afeccionados poderían velo. Era unha referencia a este documental.

«Estiven no centro de atención dos medios durante a maior parte da miña carreira futbolística», prosegue. E engade que detrás diso hai a historia dunha familia de refuxiados. «O meu nome é Pione Sisto. Nacín nun campo de refuxiados en Uganda o 4 de febreiro de 1995 despois de que a miña familia fuxiu da guerra civil en Sudán. A miña familia e eu viñemos a Dinamarca como refuxiados dous meses despois de que nacín», relata as súas orixes. No ano 2000, con cinco anos, naceu o seu amor polo fútbol, di. «O resto é historia», finaliza un texto. Unha historia que quere reflectir de principio a fin en Sisto vs. Pione.