O Celta reclamará se o Manchester non lle facilita máis entradas

La Voz VIGO

BANCADA DE RÍO

Jason Cairnduff

O club alega que ten dereito a 3.300, aínda que inicialmente reclamaron 1.900

27 abr 2017 . Actualizado ás 09:39 h.

O Celta presentará unha reclamación á UEFA nas próximas horas se o Manchester United non lle facilita as 3.300 entradas ás que ten dereito para o partido de volta das semifinais de Europa League que se disputará en Old Trafforf. O club desvela que pactou cos ingleses unha venda por sectores para non prexudicar ao rival e que inicialmente solicitou 1.900 entradas, pero horas máis tarde xa reclamaron máis. O United deu primeiro a calada por resposta e máis tarde limitouse a indicar que xa puxera á venda eses billetes, polo que non era posible pólas a disposición do celtismo.

O luns pola tarde a entidade celeste anunciou que puña a disposición da afección 1.600 entradas que se podían reservar nos despachos de billetes de Balaídos desde as 14.00 horas da tarde de onte. Nese momento, mediante o comunicado no que puña isto en coñecemento da súa afección, expresaba que se ía intentar conseguir máis entradas, en referencia a esta petición que se fixo ao United e á reclamación que en vista do sucedido planean presentar.

Onte, preto das 23.00 horas, o Celta informaba de que se pecharon os despachos de billetes despois de ater a todas as persoas que agardaban cola -nun momento dado da tarde habíase optado por non permitir a máis persoas sumarse con ese fin de que ninguén quedase sen atender-. Nese momento quedaban dispoñibles 200 das 1.600 entradas que todo apunta a que se agorarán na mañá de hoxe.