Balaídos celebraba con triunfo a clasificación europea hai un ano

La Voz VIGO

BANCADA DE RÍO

XOAN CARLOS GIL

Os vigueses vencían ao Granada con dobrete de Iago Aspas

25 abr 2017 . Actualizado ás 11:35 h.

2016: O Celta saltaba ao céspede de Balaídos sabendo que o billete para a Europa League xa estaba na súa poder. O resto de resultados dunha xornada na que os celestes xogaban en luns garantíronlles a súa presenza nunha competición na que a próxima semana disputarán as semifinais fronte ao Manchester United. Era un día para celebrar e que mellor que facelo cunha nova vitoria. Foi ante o Granada.

O conxunto andaluz visitaba o municipal vigués nun partido no que Berizzo apostou por Rubén, Hugo Mallo, Cabral, Sergi, Carles Planas, Tucu Hernández, Marcelo, Orellana, Nolito, Guidetti e Iago Aspas. Este último foi o autor dos dous goles que permitiron ao Celta sumar os tres puntos. Adiantou aos celestes desde o punto de penalti e, pouco despois do empate do Arabi, volveu ver porta culminando unha gran xogada do tridente de ataque. 

Era o día de festexar por primeira vez -logo viría a celebración oficial no último partido do curso en casa- o regreso a Europa despois de dez anos e notouse no ambiente. Balaídos agradeceu ao seu persoal o logro conseguido desde os prolegómenos do partido e, sobre todo, ao final, cos xogadores ovacionados no centro do campo. Coreouse tamén o nome de Berizzo, o artífice do éxito.