Un equipo que sempre dá pé a crer

Moncho Carneiro TRIBUNA

BANCADA DE RÍO

16 feb 2017 . Actualizado ás 12:25 h.

Agardo unha eliminatoria disputada na que o Celta trate ao Shakhtar de ti a ti. Creo que eles son favoritos, pero non significa que dea o partido por perdido nin moito menos. A favor está o parón dos ucraínos, porque isto é como cando un futbolista adestra sabendo que non vai xogar, o ritmo non é o mesmo e nótalo. A cambio, eles teñen máis experiencia europea e un bo equipo, con internacionais ucraínos e outros futbolistas arxentinos e brasileiros de calidade.

O Celta sorprendeume contra o Atlético; pensaba que ían acusar animicamente o golpe de Copa e non foi así, demostraron que eran capaces de levantarse e pelexar e non teño dúbida de que agora volverán facelo. O visto no Calderón dáme pé para crer que sendo fiel ao seu estilo o Celta terá as súas opcións.

O partido de ida cobra especial importancia polas condicións da volta alí, cun frío que vivín hai 16 anos cando non enfrontamos a eles e que pasa factura ao non estar acostumados.

Moncho Carneiro era o segundo adestrador do Celta no cruzamento contra o Shakhtar no 2000