O IGE empeza a recollida de información en máis de 9.000 vivendas para a Enquisa estrutural de fogares

La Voz

GALICIA

O proceso rematará en xuño, e os resultados estarán listos en decembro; os fogares seleccionados están obrigados por lei a facilitar os datos requiridos

15 abr 2024 . Actualizado ás 12:59 h.

O Instituto Galego de Estatística (IGE) arrinca este luns, 15 de abril, o proceso de recollida de información para elaborar a Enquisa estrutural de fogares deste ano.

Faranse entrevistas en 9.216 vivendas, que forman parte dunha mostra aleatoria repartida por toda Galicia. Ás persoas enquisadas realizaránselles preguntas relativas á idade, o nivel de estudos, a situación laboral, os ingresos e gastos do fogar, así como sobre posibles carencias materiais. Ademais este ano o cuestionario incluirá dous módulos específicos: un sobre lecer e hábitos culturais, e outro sobre benestar desde a perspectiva do capital social.

A recollida de datos concluirá en xuño, e os resultados do estudo estarán dispoñibles en decembro.

Os fogares seleccionados para participar no estudo recibirán unha carta informándolles da obrigación de facilitar os datos requiridos, tal e como establece a Lei de Estatística de Galicia. Dita norma garante a confidencialidade de a información proporcionada ao IGE.

O obxectivo principal da Enquisa estrutural de fogares —unha enquisa de carácter oficial incluída no Plan galego de estatística 2022-2026 que se realiza desde o ano 1999— é estudar as características socioeconómicas e as condicións de vida dos fogares galegos.