O BNG responde ao pacto de Rueda con e «catro grandes acordos» o PSdeG con propostas «viables»

Manuel Varela Fariña
M. Varela SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Xoán A. Soler

Rexeitan a creación da dirección xeral da Asuntos Constitucionais o entender que só buscará «máis confrontación» co Goberno central

10 abr 2024 . Actualizado ás 14:22 h.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o seu homólogo do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, preparan hoxe os seus 35 minutos de resposta ao candidato Alfonso Rueda na segunda e última parte da sesión de investidura, que finalizará este xoves pola tarde coas votacións. Con estes centrados nos seus discursos, os viceportavoces de ambos compareceron esta mañá no Parlamento para avanzar cales serán as liñas mestras das súas intervencións. Os nacionalistas elevan a proposta de Rueda de acadar un pacto a dez anos pola industria e a enerxía, e ofrecen catro grandes acordos sobre «sanidade, vivenda, enerxía e calidade democrática», expuxo Luis Bará. No PSdeG, a viceportavoz Lara Méndez explicou que Besteiro fará propostas «viables» e «pegadas á realidade do país», fronte un discurso do aspirante a presidir a Xunta «sen proxecto nin estratexia».

Os dous coincidiron en rexeitar a creación da dirección xeral de Asuntos Constitucionais, dependente de Presidencia e anunciada o martes por Rueda , ao entender que só perseguirá confrontar co Goberno central. Bará definiuno como un «instrumento de confrontación» que, ademais, non servirá para «desenvlover o autogoberno», un dos eixos do discurso de Pontón para este xoves. De feito, propuxo que a Xunta si alumase nesta lexislatura un departamento centrado en expandir as competencias de Galicia.

Lara Méndez tamén interpretou que esta dirección xeral suporá «unha nova confrontación» contra Moncloa. A deputada e exalcaldesa de Lugo lembrou que o Executivo galego «só gañou dous de catorce recursos» contra o Estado. Instou así aos populares a «abandonar a confrontación estéril sen resultados positivos para Galicia» no próximo mandato.

En liña coa estratexia da pasada lexislatura, o Bloque combinará no discurso de mañá o seu «labor de control ao Goberno» e as súas propias alternativas para a Xunta. Entre estas medidas, receitas xa expostas nos últimos anos como blindar por lei o financiamento de atención primaria ata acadar unha cuarta parte do orzamento dedicado a Sanidade; crear unha empresa de enerxía 100 % pública, fronte á sociedade mixta de Recursos de Galicia, xa constituída a pasada lexislatura; ou unha das iniciativas sobre as que insistiu Pontón en campaña: a compra de vivendas baleiras para colocalas no mercado de alugueiro «a prezos asumibles».

O PSdeG, que lamentou que Rueda tivese que remontarse no seu discurso á Galicia de fai trinta anos para evidenciar as súas melloras, no canto de facelo desde que chegou ao Goberno, buscará reivindicar á súa formación como un partido «pegado ao territorio e aos problemas dos galegos». Besteiro avogará así por «blindar os servizos públicos», algo que esta semana subliñou que será a súa «obsesión» durante os próximos catro anos, e proporá iniciativas para o desenvolvemento económico de Galicia durante a súa quenda de réplica.

Segundo Méndez, como tamén indicou Bará, ofrecerán desde a oposición «man tendida» para acadar acordos co Goberno galego, pero lamentou a inconcreción da proposta de Rueda de acordar un pacto pola enerxía e a industria. «Primeiro temos que saber que é o que queremos acordar», resolveu.