O decreto que reduce os trámites da dependencia entrará en vigor a principios do 2024

Elisa Álvarez González
E. Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Sandra Alonso

A Xunta enviará de oficio ás persoas que superen os 65 anos o carné de descontos para maiores

19 oct 2023 . Actualizado ás 18:07 h.

O decreto que axiliza e simplifica os trámites da dependencia comezará a funcionar a principios do 2024 tal e como asegurou a conselleira de Política Social, Fabiola García. A titular deste departamento confía en que estea operativo xa en xaneiro, o que reducirá os documentos a presentar para solicitar a dependencia de doce a dúas, o informe médico e o informe social

«Levamos traballando moito tempo para axilizar todos os trámites administrativos aos que sometemos ás persoas maiores e ás súas familias», apuntou a conselleira, en relación a un decreto que aprobou o Consello da Xunta o pasado mes de setembro. Paralelamente axilizaranse as prestacións, unindo nun único trámite os dous procesos. Ata agora primeiro solicitábase o grao de dependencia e despois o PIA, o programa individualizado de atención, mentres que agora se resolverán de forma unificada e as persoas que estean en lista de espera recibirán de forma automática unha prestación transitoria.

Fabiola García detallou tamén as liñas xerais dos orzamentos da Consellería para o 2024, que serán os máis altos da historia para políticas sociais. A universalización dos coidados das persoas con dependencia será un dos obxectivos destas contas, con medidas como o bono de 5.000 euros ao ano para aqueles usuarios da lei que reciben os coidados nas súas casas, con independencia do seu grao de dependencia ou da súa renda, unha medida que beneficiará a máis de vinte mil familias galegas.

Os maiores que precisen coidados 24 horas ao día nunha residencia terán un complemento de 1.200 euros anuais, mentres que todos os maiores de 65, máis de 700.000 galegos, recibirán nas súas casas de oficio e sen ter que facer ningún trámite o carné +65, co que se beneficiarán de descontos en comercios e servizos de toda Galicia, como sucede co Carné Xove.