Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral de Emigración: «Teño o traballo máis bonito da Xunta»

GALICIA

Santi M. Amil

Deu moitas voltas ao mundo visitando galegos na diáspora o cal, asegura, é en grao sumo reconfortante. Biólogo reconvertido en mestre, reconvertido en político, cando pode coida dun xardín e dunha horta

28 dic 2022 . Actualizado ás 08:20 h.

A estas alturas, Antonio Rodríguez Miranda (A Bola, 1967), debe ser un dos maiores expertos sobre a pulsión migratoria que padecen os galegos e sobre como dominar o desfasamento horario. Aquí cóntao un pouco.

—Xa leva vostede dez anos no cargo.

—Dá para moito, cunha pandemia incluída no medio. Nunca se deu o non poder saír polo mundo durante case dous anos. Así que nos tivemos que reinventar en moitas cousas, en programas que se desenvolvían in situ... Tivemos que readaptarnos ás circunstancias en termos de persoas e de entidades. E iso que os medios telemáticos, que os tiñamos aí e non os utilizabamos, permitíronnos estar máis preto que nunca da xente.

—Diría vostede que a Galicia exterior se apaga un pouco?

—¡Nooo! Eu diría que todo o contrario. Evidentemente, a Galicia exterior cambia continuamente, como cambia a nosa sociedade. Os galegos do exterior, na súa maioría, xa naceron alí. E os galegos que saen ao exterior cada vez son menos. Iso é unha boa noticia. Pero cada vez que nace un neno no exterior dunha familia galega, inscríbese nalgún concello de Galicia.

—De todos os xeitos iso de que un neto de alguén que naceu en Galicia poida votar aquí... é un pouco raro.

—Calquera persoa coa nacionalidade debe ter os mesmos dereitos en calquera lugar do mundo. O maior ou menor interese determínao cada un de forma individual. Hai persoas que están en España e nunca participan, nin teñen interese en facelo.

—Nestes dez anos terá viaxado moito. Cantas veces cruzou o Océano?

—¡Buah! Honestamente non me acordo, pero foron moitas veces. Tras o primeiro ano no cargo, Iberia mandoume unha carta na que me dicía que viaxara nos seus avións o equivalente a máis de dúas voltas e media ao mundo. A última viaxe foi fai uns días a México. Desde o verán para acá estiven en sete ou oito países.

Edgardo

—O «jet lag» terao esgotado.

—Trato de viaxar de noite e así descanso e aproveito mellor o tempo. Teño facilidade para descansar nos avións e iso axúdame moitísimo. E no momento en que che pos a traballar, o contacto coa xente dáche moita enerxía. Eu cheguei a acumular 40 horas desde que deixo a cama en Galicia ata que volvo atopar outra no destino. Así que o jet lag lévoo razoablemente.

—Cal é o sitio máis remoto que visitou?

—A Patagonia. O máis ao sur que cheguei foi a Porto Desexado, con Feijoo, para visitar empresas pesqueiras. Teño no meu debe chegar a Ushuaia, onde tamén hai galegos.

—De verdade hai galegos en todos os sitios?

—Eu diría que hai galegos en practicamente todos os sitios. É verdade que nalgúns só hai un ou dous, ou unha familia, pero ese sentimento de pertenza que temos os galegos é único no mundo. Pódoo asegurar.

—Iso de visitar a xente que está a desexar que a visiten é un bo traballo.

—Son perfectamente consciente de que teño o traballo máis bonito da Xunta. Seguramente tamén o máis sacrificado, porque temos unhas axendas moi duras. Pero como o que fas mellora a vida das persoas en todos os aspectos, fai que sexa un traballo moi reconfortante.

—Vostede pode dicir que gañou o Mundial.

—Os galegos podemos gañar o Mundial con 147 países diferentes.

—E sen Luis Enrique.

—Efectivamente. Estes días estamos a ver mostras de alegría de galegos en Arxentina indescritibles. Porque un galego é do país no que está. Somos integradores do país ao que imos, ese é o gran éxito da presenza galega no exterior.

—Teñen vostedes un programa para que volvan. Non debe ser sinxelo.

—Eu quero que volvan todos os que queiran facelo. É un dereito. Aos que naceron en Galicia tratamos de axudarlles a que volvan. E aos que son fillos ou netos, tamén, só hai que darlles as condicións para que se poidan establecer. Nós facilitamos o regreso pero non obrigamos a que queden. Pero o 80 % quedan. A calidade de vida de Galicia engánchalles e quedan.

—Ten algunha historia persoal na súa familia de emigración?

—¡Como non! Os meus pais estiveron uns anos en Alemaña.

—Por que emigramos tanto?

—O galego é inquedo e busca novos horizontes. Eu creo que o Camiño de Santiago forxou noso ADN social ao longo dos séculos. Acollemos nas nosas casas a peregrinos de moitos sitios, que falaban outros linguas, outros costumes; soubemos entender ao diferente. E a partir de aí non asústanos ir a outros lugares de mundo. É unha convicción persoal, non unha teoría científica.

—Celta ou Dépor?

—Os dous, non son moi futboleiro.

—Non me faga isto.

—Bo, pois como son un pouco máis do sur, do Celta . Pero tamén me gusta o Madrid.

—Autodefínase un pouco.

—Son unha persoa serena, pero que se apaixona polas cousas nas que cre.

—Que fai no tempo libre?

—O pouco que teño trato de aproveitalo coa miña familia. E son un apaixonado da natureza, do campo. Son aprendiz de xardineiro, e algo de horta.

—Estudou Bioloxía, pero o seu traballo non ten moito que ver.

—É verdade. Exercín unha carreira docente durante 14 anos e ao final levo un tempo na política, algo que nunca me expuxo.

—Cal é para vostede o mellor momento do día?

—Cando chego a casa e gozo da tranquilidade cos meus.

—O seu lugar favorito.

—O alto do monte San Cibrao, que está ao lado da aldea onde nacín e que é un balcón sobre o val do Arnoia desde onde se divisa a comarca de Allariz e Maceda. Cada vez que podo subir aí, fágoo.

—Unha canción.

—Son pouco musical, pero teño claro que a canción dun galego é A Rianxeira.

—O máis importante na vida?

—A familia, sin duda.