Paula Prado: «Non vou ter un estilo impostado, isto non é unha obra de teatro»

Juan María Capeáns Garrido
Juan Capeáns SANTIAGO

GALICIA

XOAN A. ADOITAR

O PSdeG cre que a nova secretaria do PPdeG é «máis do mesmo», e o BNG reclama á Xunta «que se poña as pilas»

23 may 2022 . Actualizado ás 15:36 h.

A substitución en postos estratéxicos na Xunta e no PPdeG pola saída de Alberto Núñez Feijoo xa se completou nos primeiros niveis e agora só faltan outros flocos e postos secundarios. Entre eles, a designación como senadores por representación autonómica do propio expresidente e do tamén ex secretario xeral, Miguel Tellado, un paso que se dará mañá martes nun pleno extraordinario que se encaixou xusto antes doutro ordinario que, excepcionalmente, comezará pola tarde como consecuencia dunha visita do rei Felipe VI a Vigo.

Da defensa política deste movemento de pezas -saen do Senado Elena Muñoz e Juan Serrano para que accedan os dous dirixentes populares- encargouse circunstancialmente Paula Prado, a nova secretaria xeral do PPdeG e, nestes momentos, a única portavoz parlamentaria do grupo maioritario en activo, xa que Pedro Puy segue recuperándose e descansando tras o incidente cardíaco que sufriu na investidura; Tellado ten un pé e medio en Madrid; e Elena Candia será nomeada tamén mañá vicepresidenta da Cámara en substitución de Diego Calvo. Cando Puy se incorpore, nas próximas semanas, tomaranse decisións sobre novos portavoces, as funcións dos deputados que entren polas provincias da Coruña e Pontevedra, e tamén se o novo conselleiro de Presidencia mantén ou non a acta de deputado, que sería o lóxico atendendo á súa condición de vicepresidente segundo (Rueda e Conde seguiron co seu escano estes dous últimos anos).

Estes movementos obrigaron a Prado a estrearse publicamente tras o congreso popular como portavoz do Parlamento, o que non lle impediu valorar a preguntas dos medios os retos orgánicos que ten por diante. A deputada santiaguesa cre que boa parte da cidadanía xa coñece a súa forma de proceder porque é deputada desde o 2009 e exerceu anteriormente como portavoz do partido. En todo caso, garantiu que non vai ter «un estilo impostado» nin se vai a repartir papeis con o  Alfonso Rueda «porque isto non é unha obra de teatro onde un ten un papel, nin hai que entrenar nada. Tentarei ser o máis natural posible», explicou. Tamén anunciou que tratará de seguir a senda marcada polo anterior equipo porque deu, ao seu xuízo, «magníficos resultados»; pero tamén implantando «cousas pouco a pouco, pero non porque queiramos cambialas. Faremos cousas novas porque é importante seguir incorporando equipos e ideas, e cousas que estaban en segundo plano poden pasar a primeiro», afirmou sen ofrecer de momento máis detalles.

Os senadores 

Igual que cando se anunciou o movemento de pezas no Sendado, a oposición en Galicia centrou as súas valoracións previas ao dobre pleno de mañá no obxectivo final desta operación. Para Ana Pontón, supón unha «falta de respecto ao Parlamento» e aos cidadáns porque cre que Feijoo non vai defender os intereses de Galicia, senón que accede a ese cargo para «confrontar con Sánchez». Ve ademais un interese persoal, para seguir aforado, e outro de partido, xa que o PP se vai a «aforrar» dous soldos. «Levamos tempo vendo como o PP cre  que as institucións son súas, como si foran un apéndice, pero en política non vale todo», reflexionou a líder nacionalista.

Pontón aproveitou a súa habitual comparecencia dos luns para anunciar que xa remitiu unha carta ao presidente da Xunta na que fixa catro cuestiones prioritarias que o BNG cre que deberían marcar as primeiras decisións de Rueda . Trátase dun plan de choque por 700 millóns para axudar aos sectores e cidadáns máis afectados pola crise de prezos; outro plan de 200 millóns para mellorar a atención primaria; un compromiso para cambiar o modelo de atención aos maiores, garantindo a xestión pública nas sete residencias que se van construír nas cidades; e reconducir o plan eólico para tratar de non perder o control sobre a xeración de enerxía utilizando recursos galegos. A líder nacionalista asegurou que «sempre está a disposición para falar no formato que sexa» con Rueda , que cre que «ten unha oportunidade de demostrar que quere dialogar». En todo caso, pediulle tanto a el como ao seu Goberno «que se poña as pilas» despois de varios meses nos que, segundo defende, non se tomaron medidas no medio dunha grave crise.

Fraga ou Laxe

O portavoz socialista, Luís Álvarez, tamén advertiu sobre o novo papel que vai desempeñar Feijoo como senador. «Se non fose preocupante, sería divertido ver a Rueda dicindo o que fai poucas semanas dicía Feijoo, e a Feijoo, como senador por Galicia, dicindo outra cousa distinta», en referencia a un suposto choque de intereses que poida ter o presidente do PP ao defender cuestións como o financiamento autonómico, un asunto no que hai distintos intereses por comunidades con posicionamentos moi distantes mesmo entre presidentes do mesmo partido. Álvarez puxo o exemplo de Manuel Fraga (PP) ou Fernando González Laxe (PSdeG) que despois de ser os máximos responsables da Xunta saíron cara á Cámara Alta «pero que non adulteraron en ningún momento o seu cargo nin se desviaron das súas funcións. Pero Feijoo non é coma eles, non lle interesa Galicia nin os intereses desta comunidade, o único que quere é confrontar con Sánchez e, de paso, facerlle as beiras á ultradereita de Vox, Abascal e Olona».

Paula Prado dixo non entender a abstención que anunciaron BNG e PSdeG -non poden votar negativamente- e cualificou as súas valoracións como unha «polémica estéril de desgaste a Feijoo» que non se comprende se se atende a outros nomeamentos realizados polos nacionalistas, cando tiveron oportunidade; ou polos socialistas, que presentaron hai dous anos ao seu excandidato á Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, que recibiu o apoio do PPdeG. Para a nova número dous do partido, «ningún galego pensará que non son uns magníficos representantes de Galicia», dixo en referencia a ambos os dirixentes e en concreto sobre un expresidente «que coñece as necesidades» da comunidade e que recibiu reiteradamente o apoio dos votantes. 

Ourense e encontro con Formoso 

Entre outras cuestións, os socialistas tamén aproveitaron este cambio de etapa no medio da lexislatura para deixar marcados na axenda pública outros dous asuntos «pendentes» para Alfonso Rueda, entre eles a «vergoña»  da situación do Concello de Ourense e o goberno de Pérez Jácome. E tamén reclamou Álvarez que fixe canto antes un encontro co secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, que non chegou a producirse con Feijoo a pesar de que lidera o partido desde hai medio ano.