Rueda responderá o galego e as súas medidas anticrises no primeiro pleno de control

Juan María Capeáns Garrido
Juan Capeáns SANTIAGO

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

A visita do rei Felipe VI para inaugurar a Cidade da Xustiza de Vigo atrasará á tarde o inicio da sesión de despedida de Feijoo e Tellado, que serán nomeados senadores

18 may 2022 . Actualizado ás 19:50 h.

Os cambios no Goberno galego non alteraron o calendario do Parlamento, que o vindeiro martes retoma os plenos ordinarios con polo menos tres novidades. Alfonso Rueda vivirá como presidente a súa primeira sesión de control por parte da oposición, respondendo a preguntas relacionadas coa perda de falantes en galego —do BNG—; e as medidas «propias» para facer fronte á crise económicos, por parte do PSdeG.

De forma excepcional, o pleno non comezará ás dez da mañá, como adoita ser habitual, senón que arrincará pola tarde, como ocorría fai corenta anos. O motivo é a presenza do rei Felipe VI esa mañá en Vigo para participar en dous actos públicos nos que tamén estará o presidente da Cámara, Miguel Santalices, que é a segunda autoridade autonómica. O adiamento contou co visto e prace do PP e o PSdeG e o rexeitamento dos nacionalistas, que criticaron que os plenos estean «supeditados a axenda do presidente do Parlamento, e que o horario sexa marcado polo rei de España».

O adeus de Feijoo e Tellado

Antes da sesión ordinaria haberá unha convocatoria extraordinaria para resolver a substitución de Elena Muñoz e Juan Serrano como senadores por designación autonómica en substitución de Alberto Núñez Feijoo e Miguel Tellado. Será a última intervención de ambos no Parlamento.